Lembranzas do vello xogo das olas

LEMOS

En Monforte conservouse ata principios dos anos 50 unha antiga tradición folclórica propia do período comprendido entre o Entroido e a festividade de Pascua

02 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que poucos veciños a recordan na actualidade, en Monforte conservouse ata mediados do século pasado unha vella tradición folclórica que noutro tempo foi característica de diversos lugares de Galicia e que hoxe aínda pervive no Domingo Oleiro, que forma parte dos festexos do Entroido en Xinzo de Limia. Trátase do chamado xogo das olas, praticado por corros de persoas que se lanzan cacharros de barro unhas ás outras polo aire. Tal como se conserva na vila ourensá, perden o xogo os que non conseguen apañar a tempo o cacharro e o deixan escachar no chan, e o pagan sufrindo as chanzas dos seus compañeiros ou convidando ao resto do corro a tomar uns viños.

En Monforte, este xogo non formou parte do Entroido, senón que era típico da festividade local do Martes de Pascua. O último lugar onde se mantivo o costume foi a rúa da Pena, aínda que parece ser que tamén se praticou anteriormente nalgún outro barrio da cidade. A tradición aínda persistía a comezos dos anos cincuenta, época da que data a fotografía da dereita, un dos poucos testemuños gráficos de quedan dela.

Anuncia Barrosa Casar, unha veciña que nese tempo vívía na rúa de Pena, recorda que o xogo das olas -ao contrario do que sucede no Domingo Oleiro de Xinzo- era en Monforte algo máis propio das mulleres que dos homes. «Normalmente xogaban as mulleres casadas e as fillas, e iso facíase pola tarde, porque pola mañá íamos á procesión do Martes de Pascua a San Vicente», conta. O xogo non tiña outro obxectivo que proporcionar diversión aos participantes, e os que deixaban romper os cacharros non tiñan que pagar ningunha sanción. «Pasábamos a tarde xogando e iso era todo o festexo, ademais da misa e da procesión da mañá», agrega,

A tradición puido persistir ata entón no barrio da Pena -sinala Anuncia Barrosa- porque nesa zona existía un obradoiro onde se fabricaban olas e outros recipientes de barro, que ata eses tempos foron de uso cotián nas vivendas monfortinas. Naturalmente, no xogo empregábanse os cacharros defectuosos ou quebrados que non servían para a venda.

Desaparición rápida

A construción da traída municipal e a chegada da auga corrente a todas as vivendas -un servizo que en Monforte non se xeneralizou ata esa época- fixo desaparecer con rapidez o uso dos recipientes de barro e acarrexou a extinción do xogo tradicional, que probablemente databa de tempos inmemoriais. Os únicos testemuños que quedan hoxe daquel costume son unhas poucas fotografías familiares e a memoria dos veciños que chegaron a coñecelo. A pesar do considerable interese etnográfico que ofrece esta tradición, parece que non chegou a ser recollida en ningunha publicación por parte de especialistas en folclore, o que si sucedeu con outros festexos semellantes que se celebraron antano noutras poboacións.