A tradicional comida de confraternización dos adegueiros da Ribeira Sacra, celebrada onte no Parador de San Vicente, serviu para presentar oficialmente o vídeo promocional da denominación que está previsto exhibir de forma permanente no futuro museo do viño de Monforte cando entre en funcionamento e que foi proxectado por primeira no durante o aperitivo que se ofreceu aos asistentes. O vídeo recolle fundamentalmente unha serie de entrevistas con diversos profesionais da zona, algúns deles con moitos anos de experiencia. O presidente do consello regulador, José Manuel Rodríguez, fixo votos para que o ano próximo poida inaugurarse este museo.
O festexo foi descrito por Rodríguez como un simple encontro amistoso entre todos os que se dedican á elaboración de viño no ámbito da denominación de orixe, aínda que non todos puideran estar presentes nesta ocasión. E o encontro discorreu efectivamente nun ambiente distendido e cordial. Entre os convidados encontrábanse o alcalde Severino Rodríguez, a concelleira María Xosé Vega e o director xeral de Industria Agroalimentaria y Alimentación do Ministerio de Agricultura, que xa ten estado presente anteriormente noutras edicións deste evento. Asistiron igualmente o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e o delegado provincial deste departamento, Emilio López, aínda que por motivos de axenda non puideron chegar ata que xa estaba a piques de comezar a comida.
Despois do almorzo, por outro lado, celebrouse a entrega dos premios conseguidos polos adegueiros da Ribeira Sacra na edición número quince do Concurso Internacional de Viños de Montaña que se celebra na rexión italiana de Aosta e na que os produtos da zona adoitan colleitar cada ano varios galardóns. A comida de confraternización de Nadal dos adegueiros é o escenario habitual desta entrega. Nesta ocasión, os distinguidos no certamen de Aosta foron Adegas Moure, Adegas Viña Garoña -firmas que recibiron senllas medallas de prata-, María Jesús López Cristóbal, Casa Noguedo, As Oubenzas e Adegas San José, ás que se lles entregaron mencións de honor. As dúas primeiras adegas tamén recibiron unha mención de honor cada unha, ademais das mencionadas distincións.