A directiva da asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra celebra ás seis da tarde de hoxe unha reunión no centro Expolemos de Monforte coa finalidade de decidir o uso que este colectivo dará a unha subvención de 20.000 euros que lle acaba de ser concedida polo consorcio turístico. A presidenta da asociación, Aida Menéndez, proporá investir este diñeiro en sinalizar os tramos do Camiño de Inverno que discorren polo sur da provincia, en vista de que os concellos da zona non levan a cabo esta tarefa.
Menéndez considera que a colocación de sinais indicadores «é a iniciativa máis importante que se pode facer para promocionar a ruta, máis que editar folletos ou organizar xornadas divulgativas». Ao seu xuízo, a asociación debe encargarse de instalar a sinalización «porque ata agora ningún concello desta zona atendeu ás peticións que lles estamos facendo desde hai anos con este motivo. O único concello galego que se preocupou por sinalizar o seu tramo de ruta foi o de Rodeiro, pero ese exemplo non foi seguido polos demais», agrega.
Precedentes
Polo momento, os únicos sinais que guían sobre o terreo ás persoas que queiran percorrer este itinerario histórico son algúns paneis que instalou esta mesma asociación entre os anos 2005 e 2006 nalgúns puntos da ruta. Un deles pode verse na rotonda da estrada de Chantada, en Monforte. «Colocamos outros carteis en lugares estratéxicos dos diferentes municipios da ruta, como Montefurado, Barxa de Lor ou Belesar, pero esa é unha infraestrutura mínima de sinalización e creo que é moi necesario mellorala», opina Aida Menéndez.
Na reunión desta tarde, por outro lado, participarán por primeira vez os novos representantes dos concellos de Chantada e da Pobra do Brollón na xunta directiva da entidade. No encontro tamén está previsto falar de posibles iniciativas para seguir reivindicando o recoñecemento oficial do Camiño de Inverno como ruta xacobea. Aida Menéndez recordou a este respecto que xa hai un ano que a Dirección Xeral de Turismo se comprometeu a dar algún paso neste sentido, pero indica que desde entón non se recibiu ningunha comunicación oficial por parte da Xunta e que, por tanto, a situación continúa igual que antes.