O estudo do xacemento castrexo de Monforte revela a existencia dun deseño urbanístico complexo e o uso de terrazas para poder edificar no terreo en pendente
06 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O xacemento arqueolóxico castrexo descuberto no monte de San Vicente ofrece cada vez máis interese e importancia a medida que se acerca o final das prospeccións iniciadas o 23 de novembro, que terminarán esta fin de semana. As sondaxes feitas durante os últimos días na parte da ladeira norte situada por debaixo da rúa Real sacaron á luz os restos de varias construcións nos que -segundo a opinión do arqueólogo Iván Álvarez, responsable destes traballos- pode percibirse un deseño urbanístico coherente e bastante complexo. Nesta mesma zona seguen aparecendo tamén numerosos restos de cerámica castrexa e romana, dos que xa se encontrararan antes abundantes mostras.
Os vestixios de construcións localizados ata agora encóntrase en dous puntos separados por uns poucos metros de distancia e situados a diferentes alturas da ladeira. Na escavación máis elevada apareceu o que podería ser un pequeno tramo de rúa ou de camiño, onde se conserva un fragmento dun canal de desaugamento que posiblemente funcionou como unha especie de sumidoiro urbano. Este pavimento está ubicado entre os restos de dous muros paralelos, pertencentes a unhas construcións aínda non identificadas.
Uns metros ladeira abaixo desenterrouse unha estrutura similar: dous muros paralelos separados por unha especie de calexón, neste caso bastante máis estreito que o anterior e que apenas permite o paso dunha persoa. Os arqueólogos consideran bastante probable que estes muros formasen parte de dúas vivendas veciñas.
Vivendas sobre socalcos
O máis singular destas edificacións, indica Iván Álvarez, é que foron levantadas sobre uns aterrazamentos moi similares aos dos tradicionais socalcos que sustentan os viñedos, a fin de solventar o problema construtivo que supón a forte inclinación da ladeira. «A miña impresión é que se trata dun sitio moi planificado no que as construcións se axustan a unha orde lóxica, e que os habitantes deste asentamento non se limitaban a levantar as casas onde lles petaba», comenta. O pavimento das vivendas e da suposta rúa -engade o arqueólogo- tamén parece estar preparado con moito coidado. «Estes pavimentos fixéronse colocando unha camada de terra orgánica e cascallo sobre o sustrato de rocha do monte. Sobre esta camada de terra depositouse outra de arxila compactada, e todo iso cubriuse con outra camada de arxila con cascallo», explica Álvarez. No piso dunha destas vivendas, ademais, apareceron uns buracos que talvez son pegadas de postes de madeira utilizados para soster o teito da construción.
Polo que se pode deducir dos restos investigados ata agora, parece que as vivendas se construían en grupos ou fileiras separadas por unhas pequenas rúas de planta horizontal, perpendiculares á ladeira. É posible que unha serie de pequenos canais -como o que foi desenterrado nestas sondaxes- axudase a drenar as augas e a evitar o encharcamento das terrazas sobre as que se levantaban as casas e rúas.
Na escavación praticada nas cercanías do instituto Río Cabe, polo contrario, non apareceron máis restos de construcións castrexas, aínda que o terreo foi explorado con máis amplitude nos pasados días. Nesta zona só se localizou o que podería ser un pavimento de terra apisoada e que xa foi desenterrado ao principio desta campaña.