Os arqueólogos opinan que a prospección do xacemento castrexo de San Vicente do Pino comezará a dar resultados sobre todo a partir da próxima fin de semana
27 nov 2007 . Actualizado a las 12:16 h.O equipo encargado de realizar as catas arqueolóxicas no castro recén descuberto no monte de San Vicente, en Monforte, comeza a profundizar no terreo en busca de novos vestixios do asentamento que existiu na ladeira norte. Na primeira das escavacións iniciadas ata agora -nun punto situado por detrás do instituto Río Cabe, a uns sesenta metros do arroio Zapardiel-, os investigadores están a examinar o que podería ser un pavimento de terra apisoada, no cal apareceron varios buracos de orixe posiblemente artificial e de diferentes tamaños, que talvez foron orixinados pola colocación de postes ou por algún outro tipo de obra. Non obstante, de momento non se pode afirmar nada con certeza no que respecta a esta escavación. «O que abrimos neste lugar é unha cuadrícula de catro por metros e faría falta un exame algo máis amplo da zona para determinar con máis seguridade o que pode haber aquí», explica Iván Álvarez, o responsable dos traballos.
O estudo desta parcela tratará de determinar se o suposto pavimento formou parte dalgunha estrutura construtiva. Na segunda escavación, praticada moi cerca dos restos de muros castrexos que foran encontrados en días pasados -a uns douscentos metros da primeira cata- aínda non houbo ningún resultado. Na camada superficial do terreo apareceron varias pedras que, segundo os investigadores, non forman parte de ningunha estrutura arquitectónica.
A prospección arqueolóxica, iniciada o xoves pasado, foi continuada onte depois da paréntese da fin de semana. As operacións realizadas nesta nova xornada consistiron sobre todo en profundizar e limpar o que se escavou nos primeiros días. A diferenza do que ocorreu anteriormente, nesta ocasión non apareceron pezas de cerámica castrexa, pero os investigadores non contaban con facer novos achados de forma inmediata. «Como quen di, estamos empezando, e por agora profundizamos moi pouco no terreo», sinala Iván Álvarez, quen opina que os resultados deste labor comezarán a verse con máis claridade a partir da próxima fin de semana. Para entón é probable que aparezan indicios máis concretos dos asentamentos que -segundo se deduce do que foi descuberto ata agora- houbo nesta parte do monte hai arredor de dous milenios.