A corporación municipal celebrou a última hora de onte un pleno ordinario no que estaba previsto debater, entre outras cuestións, unha moción do BNG sobre a inclusión nos orzamentos municipais do presenta ano dunha partida destinada á adquisición de terreos para a construción dunha nova igrexa. En opinión dos nacionalistas, este proxecto é «un novo exemplo de falta de prioridades e de planificación por parte do equipo de goberno e, en concreto, da alcaldía» e indica que os responsables municipais gobernan «pensando en intereses persoais e réditos políticos e non no interese xeral». Na súa moción, o Bloque pediu que o Concello suprima esta partida dos orzamentos e que destine eses fondos a mellorar os accesos a Taboada dos Freires, Toldao e Puciños, así como a renovar a traída de augas a Puricela e Toldao e a acondicionar as paradas do transporte escolar.
Na orde do día do pleno figuraban outras mocións do BNG, referida aos problemas que teñen o autobús escolar e outros vehículos grandes para acceder ao núcleo rural de Quinzán. O grupo nacionalista presentou ademais varias preguntas acerca da axuda solicitada polo Concello para a mellora da xestión do punto limpo, da organización das festas de Taboada do ano próximo e á programación cultural municipal para a temporada de outono e inverno.
Outros puntos
Na sesión plenaria de onte, por outro lado, estaba previsto debater a aprobación dunha modificación na ordenanza de auga e lixo, a solicitude dunha axuda para a realización do plano de ordenación municipal e a designación de representantes do municipio para o consorcio turístico da Ribeira Sacra e no grupo de xestión do Leader Plus. Outras cuestións incluídas na orde do día facían referencia á cesión de uso do albergue de Mourelle e ao consello escolar local.