A malla facíase enriba das airas pisadas, desde que xa o sol quentara o chan, pero como non todos os labregos a tiñan,?????moitos estraban con bosta para non perder a????gra
09 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Hai moitos regueiros que levan ao río do pasado. Un deles é o da malla. Cando se facía con mallo, o trigo tendíase no chan e por cada seu lado poñíanse os malladores a golpear o cereal. Era un traballo duro, dificultoso, pero no que aínda así se divertía a xente. «Había alegría», comenta un octoxenario de Láncara. O mesmo din os que aínda lembran aos cantores e gaiteiros cando interpretaban na aira. Era neste espazo a carón da casa do labrego onde se erguían as medas que podían acadar ata mil ou dous mil mollos por cada unha.
A competencia existía, polo que non era igual facer unha ca outra. É moi recordada a que mantiñan os campesiños por ver quen facía a mellor meda e non só iso, tamén se miraba de quen segaba antes ou facía a malla en menos tempo. Con présas ou sen elas, des que a meda estaba ben feita, xa podía chover todo o que quixer, porque a auga rara vez lle había entrar ao grao.
Como se fosen rañaceos, coa paisaxe das medas xa a primeira hora do día, antes de esparexer o cereal para que solte a gra, a xente agardaba a que o sol quentara a aira. Anque non en tódalas casas estaba ese lugar pisado, polo que en moitas recorrían á bosta de vaca. Con ela facían unha capa uniforme que ademais evitaba que o grao se mesturara coa area.
«Co sol de agosto, ata unha raposa o malla ao pasar por riba co seu rabo», sinala Manuel Blanco Río, un agricultor que con 70 anos organiza unha Festa da Malla que congrega a máis de 400 persoas en Noceda, no Caurel, anque el vive en Veiga de Forcas, Pedrafita. Blanco conta que «agora hai moito peor sol para o trigo», que non é coma o de antes. Pero aínda así, os labregos traballan e comen co que lles vén do ceo e dá a terra. E cando se trata de lembrar o pasado, el e outros moitos din que calquera tempo de antano non é mellor có presente.
Aqueles homes e mulleres non tiñan medo ao traballo, a andar de noite nin tampouco a durmir enriba da palla. Pero iso sempre despois de acabada a malla, actuaran os gaiteiros, cantara e bailara a xente para celebrar o traballo feito.
Co pelexo de viño ben untado
Cando había touciño que levar á boca, era costume asalo ao espeto para que segundo fose quecendo, derretera enriba dun bo cacho de pan cocido na casa. Para matar a sede, tampouco faltaba, amais de auga fresca, botar man dos pelexos untados con pez para que non perderan o espírito da viña.