Un capitel é o único resto do antigo mosteiro de Calvor

Xaime López Arias

LEMOS

No seu lugar de orixe levántase na actualidade unha igrexa do século XIX. O templo orixinal levantouse no século VIII

12 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

sarria | Entre os poboadores da Terra de Sarria hai moitos nomes esquecidos, que corresponden a persoas que, no seu tempo, tiveron relevancia, entre eles hai que destacar a Theodenando, arcipreste que viviu entre os séculos IX e X.

Nas décadas finais do século VIII Exila, un bético, chegado dos confíns de Hispania, xunto coa súa muller e os seus libertos, no tempo do príncipe don Froilán, tomou unha vila abandonada xunto do río de Sarria a que deu por nome Vila de Adilán, por ser ese o nome do seu fillo. O tal Exila construíu unha igrexa nesa vila (Vila Calvaria, agora Calvor) á que enriqueceu con destros, destinando doce deles para o enterramento dos defuntos e a mantenza dos cregos e da familia estipulou 62 destros.

Sucedeu que os sacerdotes que levaron a igrexa entre os anos 795 e 900 foron deixando decaer a espiritualidade do lugar, como mercenarios estragaron as cousas da igrexa e dos probes e vagantes por diversas partes :«reuníanse noutros lugares, non para edificacións súa e dos pobos, senón dándose a actos de perdición para as súas ánimas». Por esa razón o arcipreste Theodenando, bisneto de Axila, solicitou do rei Alfonso axuda para que a congregación de Calvor recuperase o seu esplendor e as virtudes monásticas, ao tempo que fixo unha ampla doazón de ornamentos para a igrexa.

Doazóns

Deulles unha cruz, unha caixa dos evanxeos, un cáliz con patena, un botafumeiro, coroas de vidro, candelabros, unha lámpada, un xarro augamanil, unha cunca, un sino, unha escadiña de prata, as vestimentas dos altares, frontais, mantos, liños ornados, túnicas, palios, un mantón de liño, os veos principais colgados entre nave e altar, liños decorados e as vestiduras dos monxes, dos sacerdotes e dos levitas, coas súas casulas e túnicas. Engadiu, ademais, diversos libros eclesiásticos: O Comicum, encadernado nun só tomo, un da virxindade de Santa María, outro da vida de San Martiño e varios máis. É esta a noticia máis antiga dunha colección de libros, ben detallada, que nos leva ata o século X, no mosteirolo de Santo Estevo de Calvor.

Theodenando ampliou a doazón «para honra da santa igrexa, sustentación das casas e da alimentación dos frades que neste lugar vivan e na santa vida sexan perseverantes e aos probes e necesitados e peregrinos acollan con hospitalidade cando veñan a claustra, que dentro dos destros da basílica e a carón do deteiro cenobial construín, ou coa axuda do voso esforzo de agoa en adiante construír e aumentar conseguirei, con tódolos seus edificios, casas, adegas e lagares, con tódolos seus utensilios, vasillas, ortos, muíños e maceiras novas, que igualmente plantei, e as que desde agora plantar conseguirei, e tamén tódalas arboriñas de digna frutificación e conseguirei e non produtores de mazás» ofreceunas para a igrexa xunto con eguas, cabalos, vacas, rabaños de ovellas, cabras e piaras de porcos, concedéndoas para a parte do mosteiro de Samos e para os frades que neste lugar vivan, de xeito que teñan temporal subsidio e amosen neste monástica vida.

Mandou que calquera sacerdote ou relixiosidade que con Deus neste lugar por pacto e plácito da régoa permaneza, aos probes se entreguen servíndoos, que os bens postos baixo o mando do abade e dos señores estean téndoos en comunidade, tamén neste punto, de xeito que ornen a santa igrexa co testemuño dos bos e para si proveendo aumenten o lucro.

Como reformador do mosteiro familiar de Calvor, e para evitar a disipación dos costumes, o arcipreste Theodenando púxoo baixo da tutela de Samos, para o que en Oviedo outorgou escritura de dote e doazón, en presenza do rei Alfonso, de varios bispos e fillos do rei, redactando o documento o escriba Pitacio.

Esta escritura de primeiro de xaneiro de 902, xunto coa de abril de 785 fan de Calvor un dos lugares con máis antiga documentación da Terra de Sarria.

Do antigo mosteiro de Calvor, aparte das referencias toponímicas, só resta un capitel que se garda dentro da igrexa construída ad fundamentis no século XIX no lugar da primitiva. Algún resto solto remítenos a Casa de Calvor e o Castro Astórica, por presura tomado por Exila, cecais encerre o pouso daquellas familias que fuxindo dos musulmáns se asentaron nas beiras do río Sarria.