A rúa Matías López foi das que deu orixe á Sarria moderna

Xaime López Arias

LEMOS

Comezou a súa construción no ano 1850 e nos seus comezos residían nela 61 persoas de 13 familias

29 jul 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Sarria | Cando nos anos 1850 e 1855 se levan adiante as obras da estrada de Valdeorras, empeza a nacer a nova Sarria, e os mesmos munícipes se dan conta da transcendencia desa vía de comunicación que asimilan ao concepto de modernidade ao esixir que as casas se separen deixando un vial amplo.

En agradecemento a xenerosidade do industrial Matías López López (da familia dos Moreno, déronlle o seu nome a esta rúa no treito comprendido entre o calexón de Teixiro e a Corga de Formigueiros.

En 1899, nun total de 13 casas vivían nesta rúa 16 familias. Tratábase dun barrio onde, á beira da estrada se xustifica o nacemento de actividades comerciais e a aparición dun novo xeito de edificación fora dos canons tradicionais, para seguir esquemas puramente madrileños, coas excepcións da casa de Labarta e Villa Andrea.

No número 1 (antigo) vivían tres familias; a do propietario Xoán Puga Sanfiz, de Manán, coa súa esposa Francisca Tourón e os comerciantes Manuel Díaz, de Santiago da Veiga e Manuel González, de Láncara. No 2 vivía o xornaleiro Xosé Rivas, procedente de Cambre (A Coruña), coa súa muller, a sogra e tres fillo- NO 4 residía a viúva Dores Rivas, labrega de Sarria, na compaña de tres fillos. No 5 vivían o actuario do Xulgado, Hilario Valcarce, do Cereixal (Becerreá), e a súa muller Aurelia Neira. O carpinteiro natural de Lugo, Bernardo Rodríguez, casado coa sarriá Manuela Fernández, residía no 6. No 7 moraban o carniceiro Antonio Baquero, de Valderas (León) e a súa muller, Xenerosa López. Noutra vivenda dese número estaban Xoana Seijo, de Santiago de Compostela, con Elvira Pagaro e María Santos, está última natural de Lisboa.

Na Casa Labarta (despois coñecida como de Xosé ou Solita Batallón), vivía o propietario, Luis Iglesias Labarta, da Balsa (Triacastela), casado con Elisa Roura, de Portosín, xunto cos seis fillos Luis, Eumelia, Xosé, Pablo, Petronila, Alfonso, Elisa e Fernando, e os criados Manuela López, María Xosefa Méndez e Domingo Vázquez.

No número 11 vivían o xornaleiro Manuel López coa súa muller María Vázquez e o comerciante Xosé Álvarez, de San Mamede do Camiño, ca súa muller Elvira Vázquez e os seus fillos Severiano, Marcelino, Manuel, Balbina e Luis. Os antigos números 9 e 11 forman na actualidade o edificio Marquesado de Sarria, número 24 actual. No 13, na chamada casa da Alvareda vivía o procurador Modesto Rivas, que sería alcalde de Sarria, casado coa madrileña Rosa Lezcano. Os números 15 e 17 conformaban a chamada Casa Carreira presidida polo patriarca Xoán Carreira, agrimensor sarriao, casado con Margarita Carrete, estando na súa compaña os comerciantes Luis Carreira, Modesto Álvarez, de Cervantes, Valentín Ceballos, de Lasema (Cantabria), así como Amalia Cabarcos, Carmen Carreira, Xesús, Carme e Luis Ceballos Carreira e o criado Felipe Armas.

Na rúa Matías López vivían un total de 61 persoas. Villa Andrea, o palacete de inspiración francesa onde pasaban o verán o chocolateiro don Matías López coa súa familia era a edificación máis nobre, seguida pola Casa Labarta, e por decisión dos veciños fixéronse plantacións de árbores maxestuosas nas beirarrúas, dándolle un bon aspecto a unha rúa que se prolongaba polo barrio da Estrada dentro da parroquia de Maside, o entorno do hoxe Forno de Pallares pertencía a esa parroquia.

Coa apertura da estrada de Samos o artellamento do ensanche da vila vai conformar un novo xeito de poboamento dando lugar ao nacemento dunha vila que apostaba polo comercio e a industria da man de xentes chegadas de fora da comarca, rematando así coa endogamia característica da vila vella. A Sarria do comercio emerxente (na parte baixa) enfrontábase así a Sarria dos fidalgos e profesionais (encastelados na Vila e no control político da comunidade).