«Espero non ter problemas coa Xunta»

LEMOS

Entrevista | José Antonio Fernández Álvarez

13 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?osé Antonio Fernández Álvarez presidirá o consello regulador de Agricultura Ecolóxica nos vindeiros meses, ata que non se celebren novas eleccións. Foi elexido de maneira provisional por seis votos fronte a tres que obtivo o candidato da Xunta e sustitue a Gabino Vázquez, destituído pola Xunta, elixido para o posto no ano 1977 pola Xunta e ratificado en eleccións no 2002. Hoxe cúmprense tres días da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia . José Antonio Fernández, o número dous de Gabino Vázquez, leva moitos anos implicado na produción ecolóxica e forma parte dos dous censos, o de gandeira e o vexetal. -Non accede o posto de novas porque xa formaba parte do anterior equipo, que presidía Gabino Vázquez. -Si era vicepresidente. Coñezo os problemas, pero moitas cousas cóllenme de novo porque non estiven demasiado metido. Ía aos plenos, colaboraba nalgunhas cousas, pero poucas. Quen estaba implicado era Gabino Vázquez. Temos que acatar o que pasou con el, aínda que persoalmente, e sei que outros membros do consello opinan o mesmo, fora mellor acelerar as eleccións, sen ter que chegar a expulsar a ninguén. -A situación que se está a dar é algo atípica. ¿Non? -Sinceramente, prefería estar sen o cargo. Presenteime porque non podíamos permitir que nos valoraran a todos por igual. Nin eu nin o outro candidato, Xosé Mouriño Cuba, fixemos campaña. Saquei seis votos e el tres. Considero que é unha persoa capaz e estou seguro que me vai axudar e asesorar nalgunha cousa. -¿Como encara esta nova etapa na agricultura ecolóxica? -É provisional. Espero que non haxa ningún problema. Son consciente de que nestes meses non vou poder facer moitas cousas. Calquera que sexa importante ou nova vai haber que consultar coa consellería... -¿Está ilusionado? -Coa ilusión que se pode ter cando un sabe que vai estar dos, tres ou catro meses no posto. É de tránsito e aínda que queiras facer algo, o marxe de manobra non é grande. -¿Houbo algunha imposición da Xunta? -A Xunta non impuxo nada e espero non ter problemas nestes meses con eles. Desde que cambiou o goberno sempre asistiron dous representantes aos plenos que tivemos e mostraron interese pola agricultura ecolóxica. Agora que, non sei se era para tanto ou non o de Gabino para tomar tal decisión. -¿Que problemas ten que afrontar a agricultura ecolóxica? -Segue a ser unha descoñecida. Os produtores temos moitos problemas de comercialización. A produción debería valer bastante máis do que vale. -¿Pero, a tendencia do mercado é a aumentar o consumo de produtos ecolóxicos? -Ata o de agora o que foi saíndo, foi saíndo só. Houbo algunhas axudas, pero non demasiadas. Iso que moitas veces plantexaste que unha das mellores maneiras de conservar o medio ambiente é a través da agricultura ecolóxica e poténcianse outras cousas que non son tan respectuosas. -¿As esixencias para producir de maneira ecolóxica son elevadas, alomenos no caso do leite? -Penso que os problemas da supertaxa de moita xente se poderían solucionar cambiando de produción para a ecolóxica. Tería que mirar se é rendible porque a produción sería menor xa que o número de reses está en función da base territorial e non se poden usar abonos.