En directo | Tradición artesanal en Monforte Guillermo Álvarez «O Crego» expón no seu obradoiro unha mostra dos numerosos instrumentos que fabricou entre os anos cincuenta e setenta
05 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.? artesán monfortino Guillermo Álvarez Vázquez O Crego acaba de abrir na súa casa unha pequena exposición permanente que reflicte o seu intenso traballo como construtor de instrumentos musicais entre os anos cincuenta e setenta. A exposición encóntrase no seu obradoiro e non ten horario nin calendario. Quen queira vela só ten que dirixirse ao seu domicilio, no número 4 da rúa da Corna, e confiar en que el se encontre en casa nese momento, o que sucede a miúdo. «O alcalde ofreceume unha subvención para que a abrise de forma regular, pero eu non poido estar atado a un horario fixo», explica. O que pode verse na exposición é unha mostra representativa das diferentes clases de instrumentos que Guillermo Álvarez fabricou durante a súa vida, un labor que compaxinou cun emprego en Renfe e que o converteu nun dos máis afamados artesáns galegos desta especialidade. Mentres estaba en activo, elaborou toda clase de instrumentos: gaitas, guitarras, mandolinas, bandurrias, laúdes, zanfonas, arpas, buzukis, bombos, pandeiros, charrascos... No seu obradoiro abastecéronse numerosas agrupacións musicais e afeccionados de toda Galicia. Transmisión Nos últimos anos pasou bastante tempo fóra de Monforte e non podía mostrar ao público os instrumentos que conserva, fabricados en diferentes épocas. O que lamenta é non ter podido transmitir os seus coñecementos aos rapaces de Monforte mediante algunha iniciativa de formación profesional. «Algo intentei facer hai xa moito tempo, na última época do franquismo, pero ao final non me deron ningunha subvención e aquilo quedou en nada. Ao único que lle ensinei a fabricar instrumentos foi ao meu fillo, que vive na Coruña. Está especializado nas guitarras e non dá atendido todos os encargos que ten», comenta. Hai xa moito tempo que Guillermo Álvarez, que está cerca de cumprir 84 anos, deixou de fabricar instrumentos, pero non perdeu a afección pola música e segue formando parte da rondalla da asociación Benfeita. O próximo sábado, ao mediodía, actuará con ela na sociedade La Fraternal.