Unha visión de María Mariño desde O Courel

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

En directo | Iniciativas culturais A as0ciación Fonte do Milagro realizou a súa propia achega ao Día das Letras Galegas editando unha obra biográfica sobre a autora de «Palabra no tempo»

23 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?ntre as diversas publicacións aparecidas nos últimos meses sobre a protagonista do Día das Letras Galegas figura unha achega peculiar que ten a súa orixe na propia terra do Courel, onde María Mariño pasou boa parte da súa vida e onde creou a súa obra literaria. A asociación cultural Fonte do Milagre, co apoio da Consellería de Cultura, acaba de editar o libro María Mariño, do mar de Noia á Serra do Courel , unha aproximación biográfica á escritora realizada por Mercedes Vázquez Saavedra. O libro, acompañado de numerosas ilustracións, reconstrúe a traxectoria vital da poeta mediante unha sucesión de capítulos moi breves e de fácil lectura, contextualizando a súa biografía nos principais acontecementos sociais, políticos e culturais da época. A información histórica complétase con testemuños de diversas persoas que coñeceron a María Mariño nos diferentes lugares de Galicia onde pasou a súa vida: Noia, Boiro, Arzúa e Lousame, terminando no Courel. Nestes apuntamentos orais, os veciños do Courel contan como María Mariño axudaba ao seu marido, Roberto Posse, nas súas tarefas de mestre de escola, ao tempo que recordan as duras condicións de vida na serra do Courel a mediados do século pasado. Cando o matrimonio se instalou no seu primeiro domicilio courelao, en Romeor, o único medio de transporte que unía esta localidade con Seoane era o carro de bois e en carro tiveron que facer a viaxe os recén chegados Na escola de Parada de Moreda, indica outra testemuña, os pupitres tiñan que ser fabricados polos propios pais dos alumnos. A amizade de María Mariño co poeta Uxío Novoneyra e a axuda que este lle prestou para desenvolver a súa obra poética tamén son lembrados en diversos testemuños. «Ela escribía e el, Novoneyra, corrixía», conta unha veciña de Parada que os viu varias veces en pleno labor literario. A asociación Fonte do Milagro, por outro lado, tamén dedica a María Mariño unha parte do último número da súa revista A Candea , que inclúe ademais diversos traballos sobre o patrimonio cultural e etnográfico da serra e sobre os seus actuais problemas socioeconómicos.