En directo | Aproveitamento do patrimonio A Consellería de Industria negocia cos propietarios da histórica factoría, restaurada hai oito anos, coa fin de poder destinala a usos turísticos e culturais
28 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.? Dirección Xeral de Turismo busca unha fórmula para poder abrir ao público a ferrería de Seoane de Courel, que non puido ser aproveitada para o turismo cultural desde que foi restaurada pola Xunta, hai xa oito anos. «A intención é non deixar morrer o proxecto e para iso estase a negociar cos propietarios do edificio e do Concello do Courel», afirman fontes deste departamento, que puntualizan por otro lado que a situación en que está este edificio histórico é «complicada». A falta dun acordo entre os donos da ferrería e a Xunta impediu que esta fose aberta ao público desde que, na primavera de 1999, acabaron as obras de restauración. No ano 2005, pouco antes das últimas eleccións autonómicas, o anterior presidente da Xunta comprometeuse verbalmente a adquirir o edificio para convertelo nun museo etnográfico. O acordo non chegara a plasmarse sobre o papel e o actual Goberno galego non se decidiu por agora a continuar con aquel proxecto de compra. Na actualidade aínda segue sen estar clara a solución que pode aplicarse para resolver este vello problema. Os responsables de Turismo sinalan que a Xunta pretende facerse cargo da xestión do monumento, pero polo momento non aclararon se está previsto compralo ou se vai continuar en mans privadas. Sen datas En datas recentes desbloqueouse outro dos principais proxectos que estaban paralizados no municipio do Courel, o da construción dunha estación biolóxica universitaria en Seoane, que está pendente de realización desde hai seis anos. En breve prazo está previsto asinar un acordo entre a Xunta, o Goberno central e a Universidade de Santiago que permitirá levar a cabo este proxecto e espérase que as obras poidan comezar dentro de poucos meses. Polo contrario, aínda non se pode dicir, nin sequera de forma aproximada, cando se solucionará o problema da apertura da ferrería. Nestes oito anos, a vella fábrica de ferro construída a principios do século XIX só puido ser visitada polo público nunhas poucas ocasións, coincidindo co festival de música tradicional que se celebra cada verán no Courel.