Una cidade con moita historia O monte de San Vicente sempre foi o emblema e unha das referencias da cidade do Cabe. Os seus monumentos son o primeiro que se ve ao entrar no val de Lemos
05 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.O monte de San Vicente, no que se erixe o antigo mosteiro benedictino, hoxe convertido en parador nacional, e a torre da Homenaxe, é o emblema da cidade é o primeiro que se atisba dende calquera zona de entrada á comarca. Nel habitaron os lemavos e nel estaba probablemente o seu principal asentamento, o castro Dactonio. Por el pasaron suevos, romanos e sufriu a destrucción de moitas das súas estancias por parte dos árabes. Foi na Idade Media cando se instalaron os benedictinos no mosteiro de San Vicente do Pino. Unha data que deben recordar os estudosos da historia local é a do 10 de abril de 1104, na que os condes de Galicia, Ramón de Borgoña e Dona Urraca, conceden aos señores de Lemos a refundación da poboación. Para iso contaron coa axuda do abade benedictino de San Vicente, Miguel II, quen cedeu aos señores de Lemos parte dos terreos do mosteiro ubicados na ladeira do monte. No ano 1199 aparece por primeira vez nun documento vinculado ao rei Alfonso IX o nome de Monti Forti para referirse á vila. Nesa época érguense construccións defensivas como a torre da Homenaxe e a muralla medieval. Cedo chegaría ao señorío de Lemos a Casa de Castro a fins do século XII e persoeiros ilustres como Pedro Fernández de Castro e os seus fillos: Fernando, Xoana e Inés de Castro, que foi coroada como raíña de Portugal despois da súa morte. No ano 1546, Enrique IV concedeu o título de condes con carácter hereditario e a perpetuidade para os señores de Lemos. Pedro Álvarez Osorio foi o primeiro, e tivo que enfrontarse á revolta Irmandiña, o levantamento popular que provocou grandes desperfectos na fortaleza e a muralla de Monforte. Despois de sofocada a revolta, foi construído o pazo Condal. Un dos persoeiros ilustres do Monforte do século XVI foi o cardeal Rodrigo de Castro, que construiu o que hoxe se coñece como o Escorial de Galicia, o colexio da Nosa Señora da Antiga, centro educativo rexido actualmente pola comunidade escolapia. O VII Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro destacou en moitas facetas. Coa súa dona, Catalina de la Cerda, fundaron o Convento de San Xacinto ou Santo Domingo e o de Santa Clara, no que se garda una rica colección artística no seu museo. En 1777 morre sen sucesión o XIII conde de Lemos, Joaquín López de Zúñiga Sotomayor, e o condado de Lemos acaba recaendo nos duques de Alba, que aínda hoxe conservan o título. A modernidade Co paso do tempo, o monte de San Vicente viu tamén signos de modernidade como foi a chegada do tren a Monforte e a Galicia no 1883. Ese acontecemento trouxo consigo a visita do rei Alfonso XII, na que lle concedeu en 1885 o título de cidade a Monforte de Lemos. Paga a pena subir á cima de San Vicente e recrearse nas súas marabillosas vistas sen esquecerse da súa historia e a da súa cidade.