Voz Natura apoia un programa ambiental no río Quiroga

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA

LEMOS

Estudantes e profesores analizan a saúde ecolóxica do medio fluvial Un equipo observa periodicamente o estado das augas e da pequena fauna acuática

15 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?valiar a calidade ambiental do río Quiroga e coñecer e valorar mellor a riqueza biolóxica dos ecosistemas fluviais son os obxectivos dun proxecto que desenvolve un grupo de alumnos e profesores do IES de Quiroga co apoio do programa Voz Natura. Os estudantes que participan nesta actividade, dirixidos polos profesores María José Fidalgo e José Espinosa, efectuaron onte pola mañá una recollida de mostras no paseo fluvial quirogués, algo que levan facendo periodicamente desde finais do pasado ano. A observación da pequena fauna fluvial é un dos métodos seguidos neste proxecto para determinar a saúde do río. Nas súas saídas, alumnos e profesores recollen larvas de insectos como os tricópteros e as efémeras, que pasan na auga as primeiras fases da súa vida. Segundo explica María José Fidalgo, «a observación dos tricópteros é especialmente interesante, porque son moi sensibles á degradación ambiental. Se no río aparecen moitos insectos deste tipo, é sinal de que a calidade ambiental é boa». O equipo recolle ademais exemplares de moluscos fluviais, como os caracois do xénero Lymnaea e as lapas do xénero Ancillus . Observacións Algúns dos exemplares recollidos no medio fluvial son depositados nun acuario instalado no laboratorio do instituto, para que os alumnos poidan observar de perto a súa evolución biolóxica. Estas observacións compleméntase con outras realizadas sobre o terreo. Os estudantes fabricaron incluso un visor para poder contemplar os insectos acuáticos no seu propio medio. O aparello foi confeccionado cun bote de plástico e un vidro de reloxo e só pode utilizarse en augas quietas. As observacións non só se levan a cabo no propio río, senón tamén nalgunhas charcas próximas. Ao mesmo tempo, o equipo investigador recolle mostras de auga e analiza factores como o PH, a temperatura e a condutividade eléctrica, en busca de posibles rastros de contaminación. O resultado das observacións feitas durante os últimos meses é positivo, segundo afirman os profesores que se encargan da coordinación do proxecto. «Ata agora non encontramos indicios destacables de contaminación e podemos dicir que a saúde ambiental do río é aceptable», sinala María José Fidalgo. «Hai que precisar que estas observacións se refiren ao tramo medio e baixo do río. No seu tramo alto, o río está bastante afectado polas explotacións pizarreiras, pero en principio esta contaminación non ten por que afectar aos tramos inferiores, que se conservan en bo estado», engade. As observacións realizadas polos estudantes e profesores quedarán recollidas nunha memoria que será preparada dentro de pouco. A experiencia, segundo pensan os seus coordinadores, axudará aos alumnos a concienciarse sobre a necesidade de preservar o medio natural dos ríos e a adquirir un coñecemento máis preciso do funcionamento destes ecosistemas.