Entrevista | José Antonio Diéguez Argozón acábase de anotar unha victoria no seu pulso coa empresa Enerfín polo parque eólico. O presidente do monte comunal advirte que o proceso aínda non rematou
17 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.José Antonio Diéguez é o presidente da comunidade do monte comunal de San Vicente de Argozón, en Chantada, que esta semana logrou que unha sentenza do Tribunal Superior de Galicia lle dese a razón no contencioso que manteñen dende hai anos coa Xunta e coa empresa Enerfín polo parque eólico do Faro. O representante dos veciños confésase moi contento por este fallo xudicial, pero advirte que o proceso está probablemente lonxe de rematar. -Aguantaría moitas presións desde que romperon con Enerfín. -¿Presións? Si, moitas. -Dos veciños tamén, supoño. -Dos veciños non. Toda a presión veume desde a alcaldía de Chantada. Desde o mesmo día que se aprobou o expediente de expropiación, o alcalde estivo detrás dicíndolle á miña xunta rectora que non íamos cobrar nada e pedíndolles que asinasen. Logo dixo publicamente que os veciños ían saír prexudicados e que eu estaba prexudicando aos meus veciños. O alcalde actuou como se fose parte da empresa. -¿Ten vostede o respaldo de todos os veciños? -Teño o apoio da maioría. Hai unha pequena minoría de abonados ao tubo de cemento, á farola e ao seu beneficio persoal que non nos respalda. -¿Nunca pensou en renderse? -Nunca. Eu son unha persoa comprometida sobre todo coa miña parroquia, que é onde teño as miñas raíces. Teño moi presente o cariño pola terra que aprendín da xente maior. -¿Xa o chamaron da empresa para negociar? -Non. -¿Chamaraos vostede? -Claro que non. Non imos chamar a ninguén a negociar porque esta é unha situación que non creamos nós. Se nos poñemos a negociar os tres, nós, a Consellería de Industria e Enerfín, e chegamos a un acordo, pois chegaremos. Nós somos máis conciliadores que ninguén, pero levamos aguantando catro anos de silencio por parte da empresa cun ariete que teñen por aquí, e outros dous da Consellería de Industria. Negociar si, pero chulerías non imos aturar ningunha. -¿Pensa que a consellería vai recorrer a sentenza ao Tribunal Supremo? -Sospeito que si. Pero non pasa nada. Nós sabemos perfectamente que isto non se resolve en dous días. Desde o principio calculábamos que o proceso podía levar uns dez anos. Sabemos que aínda temos que aguantar máis, pero estamos preparados. -¿En que gastarán os cartos se gañan? -Iso decidirano os veciños. Pero a idea é que imos ter cartos suficientes como para poñer a todos os veciños a traballar poñendo en valor todo o que temos nesta terra.