A Xunta buscará o consenso dos veciños e dos científicos antes da aprobación definitiva Medio Ambiente ultima a elaboración do documento que servirá de base para o proxecto
06 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.? Consellería de Medio Ambiente está elaborando o documento que servirá de base para o proxecto de creación do parque natural do Courel. Este documento, denominado tecnicamente plano de ordenación dos recursos naturais, será presentado na próxima primavera aos concellos, ás comunidades veciñais e a outros colectivos das áreas afectadas, así como aos científicos que estudan os diferentes aspectos do medio natural da zona, a fin de consultar a súa opinión. Segundo explican fontes da consellería, «o que se pretende é que a creación do parque se leve a cabo dunha forma totalmente consensuada e as suxestións que fagan os concellos, os veciños e os expertos serán tidas en conta para elaborar o proxecto definitivo do parque». Polo momento non se pode dicir cando estará terminado o proxecto definitivo -denominado oficialmente plano de uso e xestión do parque natural-, pero espérase que este poida estar rematado antes de final de ano. Unha vez dado este paso, procederase á declaración da Serra do Courel como parque natural. Mentres non estea redactado o primeiro documento, non saberá tampouco cales son os territorios que poden quedar incluídos no futuro parque natural. A zona protexida estenderase por amplas áreas do municipios do Courel e de Quiroga, pero tamén podería comprender determinadas partes doutros municipios limítrofes, como Samos, O Incio, A Pobra do Brollón ou Pedrafita do Cebreiro. Outras zonas O do Courel, xunto co da Serra dos Ancares, será o primeiro parque natural da provincia de Lugo. En Galicia existen por agora outros seis parques naturais. Tres deles encóntranse na provincia de Ourense: Serra da Enciña da Lastra, Monte do Invernadoiro e Baixa Limia-Serra do Xurés. Na provincia coruñesa existen outros dous -Fragas do Eume e Complexo Dunar de Corrubedo-, mentres que na de Pontevedra está o parque natural do Monte Aloia.