Entrevista | Felipe Arias Vilas Tras a polémica provocada pola solicitude de paralización dos trámites para o novo auditorio de Lugo, Patrimonio estuda con Urbanismo como solucionar o conflito
13 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Unha resolución asinada por el provocou unha tronada político-institucional que aínda non escampou. O director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, explica por que o seu departamento pediu a paralización dos trámites para converter o antigo cuartel de San Fernando no novo auditorio de Lugo cando Política Territorial xa procedía a seleccionar a empresa que executará as obras. Arias adianta tamén en que momento están outros dos proxectos que impulsa Cultura no municipio de Lugo. -A que se debeu a orde de paralización? -Patrimonio informou desfavorablemente en febreiro do 2004 a descatalogación do edificio do cuartel, porque había unha contradición no plano especial de protección do casco histórico e, nestes casos, sempre manda a figura máis proteccionista. Logo, para o plano de reforma interior da unidade de actuación na que está o cuartel, o Concello solicitou o preceptivo informe e a Dirección Xeral reclamou unha serie de documentación xustificativa da descatalogación. Iso foi en agosto do 2005. Nunca se recibiu contestación do Concello e, polo tanto, no está validado pola Consellería de Cultura. Nós o que reclamamos é informar sobre o PERI e, en todo caso, informar sobre proxecto do auditorio, que é no que estamos agora, porque para nós é un elemento catalogado e polo que afecta á Muralla. Neste momento estamos a traballar para buscar solucións técnicas e legais que nos permitan encontrar unha solución coa Dirección Xeral de Urbanismo. -Como é posible que o Consello da Xunta aprobe o financiamento e tramite a adxudicación das obras mentres o proxecto, nos seus distintos aspectos, aínda non ten o visto bo da propia Xunta? -O Consello da Xunta non aprobou o proxecto; aprobou financiar o auditorio, pero os informes sectoriais son competencia de cada organismo sectorial. Por exemplo, o Consello pode acordar facer un parador de turismo, pero, se o fai nun castelo, nós temos que emitir informe sobre esa intervención. -Hai quen ve detrás deste conflito intencionalidade política... -A Dirección Xeral non fai política nisto e eu persoalmente moito menos. A nós o que nos move é o cumprimento da legalidade desde o punto de vista patrimonial. -A coordinación institucional non foi exemplar... -A coordinación entre as institucións sempre é desexable. As cousas van moito mellor para todos cando se fan en tempo e forma. E non ten nada que ver que sexa o Concello de Lugo, que ten que cumprir a lexislación sobre patrimonio igual que todos os outros. Lugo é a cidade de Galiza que máis investimento en patrimonio recibe.