Terra dos verdes castros

LEMOS

TRIBUNA | O |

13 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

DENTRO de poucos días, polo que parece, vaise realizar no castro de Formigueiros unha intervención para consolidar os restos dunha construción milenaria. Un feito que merece destacarse pola súa infrecuencia. A última vez que se fixo algo parecido nas terras do sur lucense foi xa hai unha chea de anos, nos castros de Vilar e de Torre, no Courel. Evidentemente, non é por falta de castros, senón por falta de interese. Normalmente a rehabilitación do noso patrimonio arqueolóxico é algo que produce nos nosos poderes públicos un desinterese profundo, case abismal. Os verdes castros que cantou Pondal son aquí demasiado verdes, a causa dos espesos mantos de silvas e toxos que cubren estas venerables ruínas. Este tradicional desinterese é calquera cousa menos beneficioso. Un país que ten tan abandonados os seus monumentos adoita causar -e non sen motivo- unha pésima impresión aos visitantes. Ver por todas partes castros e mámoas desmoronados e cubertos de maleza é algo tan pouco atractivo como contemplar montes queimados, vertedoiros incontrolados, casas con muros de ladrillo sen revestir ou moreas de peixes envenenados aboiando panza arriba nos ríos. Pode ser que tal estado de abandono non nos chame moito a atención, pero non sempre pasa desapercibido entre os visitantes. Hai xente que chega aquí esperando ver interesantes monumentos da nosa antigüidade e o que encontra a miúdo son cousas que lle producen entre pena e noxo. Desatender o patrimonio arqueolóxico, aparentemente, sae ben barato. Pero cousas como estas fan que todos os cartos que se gastan por outro lado en proxectos de fomento do turismo acaben por non valer para nada.