¿Ribeira Sacra? ¿What's that?

LEMOS

TRIBUNA | O |

07 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

RESULTA que temos que preparar unhas xornadas para promocionar o noso turismo e a nosa gastronomía en Nova York, nada menos que na capital do mundo e dos seus arredores. Temos que escoller unha serie de produtos típicos da nosa terriña para que alá teñan unha boa mostra do que lles podemos ofrecer. Para comezar, hai que preparar unha boa carta de viños para que fagan unha degustación inesquecible. ¿E que viños podemos levar? ¿Ribeira Sacra? ¡Nin falar! Os viños da Ribeira Sacra non se venden en Estados Unidos, como ben sabe todo o mundo. ¿Que han saber os americanos onde cae a Ribeira Sacra, se case non o sei nin eu? Cando moito, oirían falar algo das Rías Baixas, o albariño, o marisco¿ Mais, pensándoo ben, en Nova York tampouco teñen por que saber o que son as Rías Baixas e o albariño. Seguro que nin saben onde está Galicia, nin nada. ¿Ou seica oístes falar algunha vez do albariño ou das Rías Baixas nalgún episodio de CSI , por poñer un exemplo? Así que eu penso que se cadra era mellor levarlles algo máis coñecido, máis familiar, algo que lles sirva mellor de referencia, nin vaia ser o demo que non nos fagan nin caso se lles mostramos estas cousas que lles van parecer tan raras. Era mellor levarlles unhas botellas de Rioja, ou de Jerez. Si, xa sei que non son exactamente viños galegos, pero así polo menos fanse unha idea de por onde cae máis ou menos Galicia. ¿E para acompañar o viño? Por suposto, nada de empanada, nin de polbo, que se cadra ata lles dá noxo. Moito mellor unhas aceitunas, uns camaroncitos¿ E de fondo, claro está, habería que poñer unhas imaxes de toreros e de flamenco, que é o único que coñecen de España, porque se lles poñemos unhas vistas da Ribeira Sacra e dos seus viñedos seguro que os despistamos completamente e nin miran para nós.