Cultura programou ata fin de ano 32 actuacións en sete concellos

Benigno Lázare LUGO

LEMOS

SANTY F. AMIL

A Rede Galega de Teatros e Auditorios desenvolverá no 2007 outras 125 nesta provincia Representacións teatrais, jazz, e clásica forman parte do calendario fixado polo IGAEM

07 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios desenvolve no segundo semestre do ano na provincia de Lugo unhas 66 actuacións, das que aínda faltan por celebrarse 32, segundo os datos facilitados onte no edificio administrativo da Xunta polo xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), Miguel Martín Fernández, e polo delegado de Cultura, Xoán Xosé Molina. Nesta rede están integrados Burela, Foz, Lugo, Monforte, Ribadeo Vilalba e Viveiro, pero Xove, aínda que non forma parte, acolle actuacións de jazz e de música clásica. A rede, que abarca máis de medio cento de auditorios e teatros de toda Galicia pertencentes a 45 concellos, está en proceso de reforma, iniciando en xaneiro próximo nova etapa con unha oferta máis variada. Ademais de teatro, aumentan os espectáculos de danza, de música clásica e de jazz, aparte de incorporar outras modalidades como a maxia ou o cabaré. Segundo os datos facilitados polo xerente do IGAEM, dende xaneiro ata setembro foron despachadas 65.000 entradas, adquiridas por unhas 30.000 persoas, e esperan rematar o ano con preto de 100.000. O investimento total é de 609.000 euros, dos que 263.000 corresponden á música e a danza, aportando os concellos 148.000. Para o próximo ano as partidas aumentarán considerablemente, segundo anunciou o xerente, cifrando o orzamento en máis dun millón de euros para poder ofrecer ao redor dun millar de «bolos». A maior parte da programación corresponderá as provincias de A Coruña e Pontevedra, seguidas da de Lugo, con unhas 125, que son as proporcionais aos sete teatros e auditorios, ademais do de Xove. As principais producións No que resta de ano, pola provincia de Lugo pasarán as principais producións teatrais que forman parte da programación da rede dependente da Consellería de Cultura, segundo manifestou Miguel Martín. Dixo que na nova etapa non aumentarán de forma destacable os lugares de espectáculos, pero si a súa calidade. Actualmente, todos os habitantes de Galicia teñen algunha representación ou algún espectáculo da rede a media hora de viaxe, segundo afirmou o xerente dese organismo. Dixo tamén que é o principal mercado das artes escénicas que se promove en Galicia e pretenden que se consolide como alternativa de ocio de calidade, que é cultura á vez. Actualmente, a Rede Galega de Teatros e Auditorios está integrada por espazos públicos, salvo un privado en Vigo, pertencente a Caixanova. A partir de xaneiro haberá colaboración para que xurda unha rede de espazos privados, integrada por seis salas non dependentes de fundacións. Tamén colaborarán para que funcione outra musical en locais de hostalería nos que xa hai actuacións en vivo. Martín Fernández dixo que a reforma da rede basease en cinco liñas de traballo, que consisten na ordenación da oferta, a mellora dos espazos de exhibición, a imaxe e a comunicación, a mellora da accesibilidade da oferta e a atención ao cliente, con información sistemática do grao de satisfacción dos espectadores para acertar coa programación.