Os comenzos da modernidade

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Crónica | Sarria no ano 1855 As primeiras obras para construir a estrada provincial de Quiroga a Lugo supuxeron o punto de partida para o crecemento do municipio sarriao

28 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A grande novidade en Sarria, derredor de 1855, era a construción da estrada provincial de Quiroga a Lugo, que ía revolucionar as comunicacións da capital da provincia coas terras de Lemos e Quiroga, ao traer o abandono do vello camiño que de Lugo pola Ponte Neira, Goián, Mercado da Serra e A Cervela ía cara a Monforte, de maneira que dende que se abriu a nova estrada as xentes de Lemos e Quiroga necesariamente tiñan que pasar pola nova vía, usando os novos e lixeiros carros que permitían un abaratamento xeral do transporte. Esta estrada vai supoñer o nacemento da vila nova, que vai a se espallar polos campos de cultivo da Cortiña, da Ponte Ribeira, A Carreira, A Alvareda e a Gándar. Por ese tempo tamén se abre o camiño veciñal de Sarria a Neira de Rei, que agardaría máis de 60 anos para coller o rumbo definitivo cara a Becerreá. A Sarria de 1855 ocupaba o outeiro coñecido como A Viola, e na parte baixa só había as casas da aldea da Ponte Ribeira (de Santa mariña) e da aldea da Áspera (de San Salvador). O camiño de Requeixo e o de Albán aínda non foran ampliados para dar lugar á estrada de O Mazadoiro a Lamarrigueira. Extramuros da vila estaba o ex convento dos Agostiños (A Madalena) que como consecuencia da Desamortización estaba en proceso de ruína, ocupado ocasionalmente para fins públicos (cárcere, talla dos quintos, cuartel), e señoreado abusivamente polas familias de pro da vila para os usos particulares que lles viñan en gana, ou para o simple saqueo de materiais por desaprensivos sen escrúpulos. A Fortaleza A Fortaleza, á que tamén chamaban Castro dos Romanos, agás o castelete do Mercado derrubado en 1843, conservaban entón a cerca, torres, foxos e contrafoxos, desmentindo o que moitos erráticos copións din e repiten como o lorito do conto dicindo que «a Fortaleza foi derrubada polos irmandiños desaparecendo nese tempo» o que non é verdade porque foi vendida e derrubada no ano 1860. O campo da feira (do 20), que se creara 35 anos atrás, xa contaba con alpendres e non moi lonxe estaba aínda en pe a Capela de Santiago do Mercado (cunha historia ao carrelo de máis de 500 anos) e da que hoxe non queda resto ningún. O cemiterio novo estaba preto das torres do flanco sur da Fortaleza, a carón das fincas de Ferreiró a Casa do Concello, que fora o antigo Hospital de Santa Antón Abade, e que ademais facía de Xulgado e tiña adosada a escola de nenos e a casa do mestre. As casas de Capón, Armesto, Ulloa, Casa Grande, Miralde, Macía, Neira, Valcarce, Barrio, Freixo, Teixeiro... ocupaban a rúa principal da vila que, coa apéndice do Arrabaldo ía dende a Fortaleza ata a Costa. Unhas poucas casas do Calexón de Santa Mariña, A Pedreira e os Fornos de Atrás completaban o número de menos dun cento de casas que entón sumaba a vila de Sarria, estando moitas delas deshabitadas ou en pardiñeiro. A ermida de San Lázaro pertencía á parroquia de San Pedro de Maside e agás unha casa mesón, no que hoxe é o cruce o Avenida, de recente construción, e o Muíño da Ponte Ribeira, na parte baixa non había outras casas máis cas da a carón da Fonte Ribeira, único manantial perenne do que se surtían os veciños da vila, que en ocasións tiñan que ir na procura da auga ata a Veiga do Pozo (Veiga de Arriba), pois os escasos pozos da localidade non eran constantes nin tiñan boa auga. Por baixo da Fortaleza había a fonte de San Salvador, da que saían dúas calexas de rego, unha cara os prados dos Barredos do Forno e outra cara o Barredo do Campiño, fonte que en 1860 sería mudada de lugar, correndo don Manuel Pérez Batallón cos gastos do traslado. Nova estrada A nova estrada de Quiroga supuxo a chegada de xentes procedentes doutras rexións (vascos, maragatos, pucelanos) que se estableceron como comerciantes, traxinantes e fabricantes, tanto no nacente barrio de San Lázaro (extramuros da vila, en Maside) como na Alvareda e a Gándara. Xentes con intereses e dinamismo contrapostos o cerramento tradicionalista dos fidalgos de medio pelo enquistados no outeiro castrexo, máis liberais en política e costumes abertos e dinámicos que abriron unha dialéctica de enfrontamentos que só se pechou cando as familias tradicionais de Sarria de toda a vida desaparecen da escena vítimas da selección natural e do abandono xeográfico, coincidindo co remate do franquismo. As loitas, a pasividade e as xenreiras vilegas naceron e medraron co enfrontamento da Vila coa Baixa, da Fidalguía cos do comercio. O parto da Sarria moderna, iniciado coa apertura da estrada de Quiroga, durou 120 anos.