Entrevista | Branca Villares Os voluntarios que vixían o monte no distrito forestal de Monforte traballarán en grupos que rotarán cada semana. Adega encargarase da súa formación previa
29 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Branca Villares é a representante da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). Este colectivo ecolóxico coordina a un grupo de corenta voluntarios que colaboran na prevención de incendios no distrito forestal de Monforte. -¿Cal é a misión dos voluntarios e como se organizan? -Nós traballamos en colaboración co distrito forestal. Eles teñen unhas necesidades e a nosa asociación axuda a cubrilas coa participación dos voluntarios. O primeiro obxectivo son as labores de vixilancia, que serán constantes durante todo o tempo que dure a seca. Por outra banda, hoxe comezaremos coas tarefas de retención de solo nas zonas de terra queimada e, máis adiante, coa recollida de sementes caducifolias para a reforestación do bosque autóctono. Sobre todo recolleremos landras de carballo e bidueiro que están na temporada. Para unha mellor eficacia, fixemos grupos de traballo formados por vinte e cinco voluntarios e cinco monitores da asociación. Estes grupos rotarán cada semana. -¿Cales son os medios dos que dispoñen? -O distrito forestal pon á nosa disposición dos voluntarios toda a ferramenta necesaria, incluíndo aparellos contra o lume, aínda que o noso traballo non consista en apagar lumes. A Consellería do Medio Rural aporta as instalacións onde se aloxarán todas persoas que estean colaborando lonxe da súa casa e Adega proporciónalles todas as comidas do día e o material básico, como chalecos reflectantes ou chuvasqueiros. -¿Qué teñen que facer os que queiran participar no proxecto? -É tan sinxelo como chamar ao teléfono 900???400???800. Dende este número distribúen a zona xeográfica na que operarán os voluntarios. Gustaríame facer un chamamento a toda a comarca de Monforte para que chamen e participen no proxecto. Hai moitísimo traballo e é moi importante implicar á xente da zona. Só teñen que contactar con nós a través dese teléfono. Ademais diso, non é necesario ningún requisito máis. -Entón, ¿non é necesaria ningunha formación específica? -Os dous primeiros días de traballo dedícanse principalmente á formación dos voluntarios. Dámoslles conceptos básicos de botánica, da xestión dos montes, ou de lumes para saber cómo actuar nestas actividades de prevención de incendios. A idea é que todos os grupos vexan todo o proceso que se debe realizar para previr os incendios forestais e repoboar os montes.