«O pub apórtalle algo novo ás obras»

Laura López SARRIA

LEMOS

Entrevista | Ana Miranda

05 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? xoven artista sarriá Ana Miranda expón os seus gravados no pub Xarope ata o día 10 de agosto. En total son 21 obras que foi realizando ó longo do último curso na escola de Artes Ramón Falcón. Compaxina a súa paixón pola arte co seu traballo non menos artístico como vocalista na orquestra Alto Standing . Esta é a súa primeira exposición, da que leva vendidos nove gravados, e está moi satisfeita: «espero continuar no futuro, a xente anímame moito a seguir traballando», explicou Miranda. -A temática é moi variada. Hai gravados abstractos, figurativos, paisaxes, xogos con diferentes texturas... -Que lle aporta á obra o feito de estar exposta nun pub? -O pub Xarope realiza unha labor moi importante promocionando artistas nobeles. É un lugar de encontro, con xente de distintas idades, e coa ventaxa de ter horarios moito máis abertos e flexibles ca un museo. Expoñer nun pub apórtalle algo novo á obra. -Pasoulle algunha anécdota nesta exposición? -Pois unha tarde chegou ó pub un señor de Ferrol, que topou de casualidade coas obras e quedou encantado. Eu tamén estaba por alí e tiven que voltar á casa correndo porque este home queríame mercar unha obra e tiña que marchar... -Hai algún gravado polo que sinta un especial cariño? -Si, hai un que é unha especie de retrato da miña nai cando era nova. Por ese si que sinto un cariño especial. Despois sempre está o primeiro gravado feito, que nunca se esquece. -Que é o que máis lle gusta deste traballo? -As sorpresas que me levo. É un traballo moi agradecido, pero un non sempre consegue o que pretendía nun principio, ás veces o resultado é mellor do que se esperaba e outras veces peor.