Santa Mariña no ano 1753

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | A historia desta parroquia comeza no século XIII A fonte da vila e a Capela de San Marco do Campiño, na paraxe coñecida como Barrio da Duquesa, eran os únicos monumentos merecentes de mención

08 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A parroquia de Santa Mariña de Sarria afunde as súas orixes no século XIII, sendo primeiramente parte da vila de reguengo coñecida como Vilanova de Sarria, Burgo de Sarria ou Pobra de Sarria, pasando a ser propia dos Condes de Lemos no século XIV, ata que as Cortes de Cádiz suprimiron os señoríos. Formaba curato con Santiago de Farbán e Santiago de Castelo dos Infantes e era de provisión dos Condes de Lemos, que eran quen elixían ós párrocos que as servían. Ata o tempo de don Froilán de Otero e Lemos (darredor de 1770) non tivo casa rectoral. A superficie desta parroquia extendíase pola Carreira e Vales ata Formigueiros e Lama da Gándara, pola Poula, Cruz de Pradeda, Porto do Río, O Toleiro, Ribeira das Ameirizas, A Ponte Ribeira, o comunal de Campo do Rolo, a Ribeira dos Cucos, Os Louratos, o Chao e o Pombal, cun curto espazo de terra na banda dereita do río «da Sarria». Nesta parroquia, na Fonte Ribeira, estaba a única fonte da vila, monumental e desafortunadamente trasladada de lugar e reducida á mínima expresión, e agás a igrexa románica (derrubada no século XIX) non había outro edificio merecente de mención, en non sendo a Capela de San Marco do Campiño, fito delimitador das parroquias de San Salvador, maside e Santa Mariña, na paraxe despois coñecida como Barrio da Duquesa. As casas da vila, no outeiro, pertencentes a esta parroquia e á aldea de A Ponte, na ribeira, eran 65 en total, aínda que non todas estaban habitadas. Por aquel entón na parroquia vivían 221 persoas, entre elas dous sacerdotes, e reuníase un total de 44 familias. As de máis sona eran os Valcarce (con presenza entre os séculos XVIII e XX), Neira (do XVIII ó XX) e Díaz de Guitián (entre o XVI e o XIX), apelido que, por entroncamentos, foron desaparecendo. Unha nova estrada en 1855 A parroquia de Santa Mariña non tivo atractivo especial ata que en 1855 se constrúe a estrada de Nadela a Valdeorras, que pasa polas traseiras das casas do Arrabaldo de Abaixo e da Costa, introducindo a necesidade de acondicionar a Costa da Fonte coa construcción dunha escaleira, xurdindo a partir de 1860 novas edificacións con fronte á nova estrada, recibindo a consagración como polo de atracción cando don Xoán María de Almance alza a Casa De Nullán e a capela de San Roque, para que fose o lugar do seu enterramento, xurdindo edificacións orientadas a acoller o tránsito do novo vial, e a familias foráneas, como a Alfonsín, coa súa fonda. Nos seguintes 50 anos, a apertura de novas estradas consagrarao á edificación na parte cha da parroquia, que ocupa así un bo espazo na zona de entrerríos. Mais con iso xa se chega ó século XX.