? edificio da reitoral de Baamorto, comprado recentemente ao Bispado de Lugo polo Concello de Monforte, é unha casona levantada probablemente no século XIX. No mesmo lugar ocupado por esta construción estivo moi posiblemente o edificio que en tempos serviu de centro administrativo das posesións da orde de Malta na comarca de Lemos. A ese edificio pertenceron os escudos de armas que foron aproveitados para adornar a fachada da construción actual. O Concello ten previsto investir sobre 15.000 euros na rehabilitación do edificio. A cuberta xa está renovada e na actualidade estase fabricando un piso de cemento na planta baixa, que ata agora era simplemente de terra apisoada. No andar superior construirase un piso de madeira. Os responsables municipais esperan ter acabadas as obras para outubro. Enfronte da vella casa reitoral encóntrase a igrexa parroquial de Santa María de Baamorto, que ofrece características excepcionais. É a única igrexa de Galicia decorada con pinturas murais no exterior, que foron realizadas na década de 1560 por un artista anónimo coñecido como Mestre de Nogueira. A arquitectura do templo tamén é singular, xa que está rodeado en parte por unha galilea, unha especie de soportal sostido por columnas dóricas.