En memoria de Góngora

LEMOS

TRIBUNA | O |

09 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

«PÁLiDO o sol en cielo encapotado/ mozas rollizas de anchos culiseos,/ tetas de vacas, piernas de correos,/ suelo menos barrido que regado;/ campo todo de tojos matizado,/ berzas gigantes, nabos filisteos,/ gallos del Cairo, búcaros pigmeos,/ traje tosco y estilo mal limado;/ cuestas que llegan a la ardiente esfera,/ pan de Guinea, techos sahumados,/ candelas de resina con tericia;/ papas de mijo en concas de madera,/ cuevas profundas, ásperos collados,/ es lo que llaman Reino de Galicia». Hai cerca de catro séculos que este expresivo soneto saíu, segundo todos os indicios, da pluma de Luis de Góngora, hoxe honrado en Monforte co nome da praza do conxunto monumental de San Vicente do Pino. Non foi a única vez que o poeta cordobés se entretivo deste xeito. Cítase moito outro poema seu que comeza: «Oh, montañas de Galicia,/ cuya, por decir verdad,/ espesura es suciedad,/ cuya maleza es malicia», etcétera. Talvez esa manía de poñer Galicia a caldo obedecía ao desexo de desquitarse do sétimo conde de Lemos, que non quixo tomalo como secretario cando foi nomeado vicerrei de Nápoles. Antes dedicáralle ao mesmo conde ese outro soneto laudatorio tan citado sempre en Monforte: «Llegué a este Monte Fuerte coronado de torres....». En días pasados, a asociación Amigos do Patrimonio de Lemos e a Mesa pola Normalización Lingüística pediron que lle cambiase o nome actual á praza Luis de Góngora e se lle devolvese a antiga denominación de praza de San Vicente. Non só porque esa non é a denominación tradicional do lugar, senón tamén por considerar que é excesivo homenaxear cun lugar tan emblemático a memoria de Góngora. Claro que cabe tamén a posibilidade de desquitarse de Góngora póndolle o seu nome a unha desas rúas do extrarradio nas que non hai casas nin veciños.