Aledados cos falcóns, ¿non é?

CARLOS VÁZQUEZ

LEMOS

TRIBUNA | O |

21 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

POIDA QUE desta volta sexa a propia natureza quen nos axude e faga minguar un problema que tiñamos. E é que só en 2005 foron capturadas preto de 1.600 pombas en distintas prazas da capital. Por afondar máis, hogano a cifra duplícase, así que fíxense. Iso si, todos estes apresamentos viñeron despois de que as queixas foran múltiples (tanto dos empresarios como dos particulares) e o Concello que preside o socialista López Orozco botara a andar aló en abril do 2004 unha campaña de control das pombas, cando disque a poboación destas aves superaba o número de 5.000. Demasiadas, ¿non é? Home, tamén en Monforte disque sobran a metade das pombas e tamén tiveron que botar man das gaiolas. ¿Por que tantas? Tanto nas terras de Lemos como na cidade da Muralla ou noutras partes, a miúdo son as construcións abandonadas e o exceso de lixo o que fai aumentar a poboación das mesmas. ¡Iso!, ha exclamar unha que sei eu e vive na rúa Quiroga Ballesteros. Pero alomenos aquí na capital seica deica agora o concelleiro de Medio Ambiente, Lino González, vai poder tomar un respiro. Se o deixan outros temas, claro. ¿E que é logo o que nos veu a botar unha man? Pois unha parella de falcóns. Dous falcóns peregrinos que non sei se de camiño a Santiago, o caso é que fixeron niño aquí nunha das torres da catedral lucense e semellan contar co agrado de todos. ¿Lerían as novas antes referidas que veu publicando este xornal? Do que non hai dúbida é de que abondou con saber que esta especie de rapina é unha excelente cazadora para que os lugueses se aledaran. Non sei se tanto os que adoitan darlles de comer ás pombas. Non obstante, aí están e agora só falta que os falcóns se sintan como na súa casa. Caramba, ¡pero se xa é a súa casa!