Entrevista | Alberte González O secretario da Delegación do Colexio de Arquitectos presenta aos asociados a nova aplicación informática para redactar proxectos
18 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Durante os dous últimos anos o Colexio de Arquitectos de Galicia elaborou un programa informático que facilita a estes profesionais o traballo. Esta tarde, ás sete e media, os colexiados de Lugo recibirán na sé da Delegación unha copia gratuita e serán informados do contido da nova aplicación polo membro da directiva Alberte González. -¿En que consiste a nova aplicación informática? -É unha especie de guía de axuda para redactar as memorias, que permite facelo en galego ou en castelán. Vánselle aportando datos básicos e o programa vai configurando un texto. -¿Canto tempo se pode aforrar na redacción dun proxecto? -Depende de cuestións como o que se lle dedique a redactar a parte da memoria, aínda que en condicións normais pódese reducir en máis dun 20?%. Pero, sobre todo o programa supón unha autodisciplina e autocomprobación para que non quede nada olvidado, valéndolle tamén a quen o teña que revisar. -¿Para que partes ofrece máis vantaxes? -Para todas, pero posiblemente na de normativa porque permite verificala toda. -¿Por que o programa de momento só está concebido para proxectos de vivendas unifamiliares, cando os edificios grandes son os máis habituais? -Probablemente porque son os que levan as memorias máis asequibles e sinxelas. -Con anterioridade os arquitectos xa eran dos profesionais que máis partido lle sacaron á informática. -Liberounos moito do traballo repetitivo pero, por exemplo, o cálculo de estruturas ou o debuxo hai que facelos, se ben no primeiro a informática permite solucionar en poucos segundos o que levaba horas, e no debuxo permite facer copias ou ampliacións e cortes. Agora iníciase unha época de maior avance coa incorporación de 3D.