TRIBUNA | O |
03 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.É de supoñer que se a Serra do Courel estivese situada en calquera país europeo vulgar e anodino, nun país tristemente estándar e incaracterístico, estaría defendida por un sólido sistema de prevención, vixilancia e extinción de incendios. Pero como está nun país como o noso, repleto de enxebrismos e de pintorescas singularidades que sorprenden e marabillan a todos os visitantes, a serra non ten hoxe nin unha soa brigada contra incendios. Cabe imaxinar o asombro dos turistas ao coñecer esta peculiar circunstancia. Unha serra considerada como unha das principais reservas biolóxicas de Galicia; unhas formacións boscosas clasificadas entre as máis notables da Península; centos de especies vexetais e animais; decenas de valiosos mostras de arquitectura tradicional; máis de corenta núcleos de poboación, moitos deles sumamente illados... e nin un bombeiro nin unha mangueira para protexer todo iso do lume. Calquera visitante estranxeiro que vexa tal cousa quedará pasmado. Non o esquecerá -cousas así non se ven en calquera sitio- nin deixará de contarllo aos seus coñecidos. E a fama do Courel e de Galicia espallarase con moita máis rapidez polo mundo. Non hai dúbida: deixar a serra desprotexida é unha estratexia propagandística tan barata como xenial.