Unha aportación impagable

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Crónica | As escolas de emigrantes en Sarria Hijos de Sarria en La Habana fixo varias casas para abrir colexios

11 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Entre 1920 e 1936 a preocupación social e cultural dos máis destacados emigrantes sarriaos en Cuba fixo nacer a sociedade Hijos del Distrito de Sarria en La Habana. Ademais de atender a fins asistenciais e de protección da saúde e soster un panteón para enterramento dos seus asociados, diante da pasividade das autoridades locais, que en máis de 80 anos de obriga legal non foran quen de facer un só edificio para escolas de promoción pública, tomou cos emigrantes o reto construir edificios escolares amplos e ben dotados, deixando así en evidencia que aqueles dos fillos comarcanos, máis forzados pola necesidade (os emigrantes) fosen quen de aforrar uns pesos para facer doazón de escolas a uns concellos de miras miserentas e socialmente descomprometidas, e que en 1920 non foran xiquer capaces, aínda que fose en réxime de aluguer de ofreceren o mínimo de escolas que a lexislación de 1848 esixira. Que fronte a outras comarcas de Galicia a Terra de Sarria, na segunda metade so século XIX e no primeiro cuarto de século do XX, destacou con moito como vítima do abandono e campo no máis sonado analfabetismo, é cousa sobradamente sabida e que non merece outro calificativo para as clases dirixentes que a de seren per natura insensibles ás necesidades do pobo. A escola de padroado de Mondín e as escolas públicas de Sarria foron froito das doazóns de sarriaos que tiveran que emigrar a Madrid, e fóra de administralas unha vez rematadas nin arte ni parte tiveran alcaldes e concelleiros sarriaos na súa consecución. Por iso é máis de destacar o xesto dos emigrantes sarriaos en Cuba que, agrupados nunha sociedade benéfica, promoven escolas que nos concellos de Sarria, Samos e Paradela, para beneficio dos seus coterraños e para inri e vergoña dos capitulares nugallentos e insensibles que, todo hai que dicilo, tampouco as entusiasmaron demasiado con esa inesperada axuda. Para o Concello de Sarria nomeou a Sociedade como delegado seu e encargado de botar adiante os proxectos a un emigrante retornado, o pai de Martín Balboa Fernández, que por esa razón en tempos da Dictadura de Primo de Rivera sería designado concelleiro. En Sarria os emigrantes promoveron as escolas de San Martiño de Louseiro, Santiago da Veiga, San Sadurniño de Ferreiros e Lavandeira en Biville. A escola de Ferreiros foi concebida como edificio pequeno co único destino de salón de clase, mais os outros proxectos eran de mais altas miras, pois prevían locais para escolas de nenos e nenas así como vivendas para os mestres. Con todo a crise económica dos anos trinta impediría que as escolas de Louseiro e Lavandeira chegasen a ser rematadas na súa integridade, quedando a medias o desenvolvemento do que se soñaba como edificios que servirían de exemplo e norma. A escola de Louseiro, no lugar de Barrio, foi obxecto da atención do concelleiro Fernando de Taboada e Zúñiga, quen o 7 de setembro do 1931 puxo en coñecemento do primeiro concello sarriao da II República que en «virtude das aportacións feitas en metálico polos naturais do país residentes en América e a aportación persoal de todas clases prestada polos veciños da expresada parroquia, con residencia na mesma, construiron e teñen en perfecto estado de ser utilizado un edificio que reúne como feito ao obxecto todas as condición hixiénicas e pedagóxicas para poder instalar dentro do mesmo dúas escolas nacionais, con locais capaces e independentes, un para nenos e outro para nenas, contando ademáis con moradías axeitadas, tamén independentes para destinalas a vivenda do mestre e da mestra, e en consecuencia propón e interesa da Corporación, se sirva acordar se solicite do Ministerio de Instrucción Pública a creación dunha escola nacional de nenos e outra de nenas na expresada parroquia, para poder utilizar así o dito edificio, expresamente construido en ben do ensino público, que é sen dúbida o mellor dos que hai nos demais pobos do termo municipal». No pleno de abril de 1932 acordouse facer xestións para que a asociación Hijos del Distrito de Sarria ceda o Concello os edificios que ten en Biville, Santiago da Veiga e Louseiro para destinalos a escolas.