O colexio de Louseiro é agora un local social

La Voz

LEMOS

A escola de Louseiro, grande edificio con dúas salas e espazo no primeiro andar para dúas vivendas, con terreo todo darredor e luces abertas segundo a orientación conforme as normas dos hixienistas, unha vez creada oficialmente a escola con delimitación do seu distrito escolar, pasou a cumprir a súa función estando aberta ata que se produciu a concentración escolar na vila de Sarria. E andando o tempo serviu tamén para albergar o teleclube, institución dos anos sesenta e setenta que amais de permitir a contemplación de recén chegada televisión ofrecía actividades culturais e de lecer, e mesmo a formación dunha pequena biblioteca. Teleclubes Foron varios os teleclubes promovidos por Información e Turismo en Sarria, mais un dos máis vivos foi o de Louseiro. E cando parecía que aquela obra nada da xenerosidade dos emigrantes sarriaos acabaría como é habitual sendo un pardiñeiro, os veciños de Louseiro recuperaron o edificio para a promoción de actividades culturais e de lecer, e unha activa asociación, Os Gorrións, fixo renacer a vella institución cultural. A sementeira dos emigrantes, 75 anos despois, segue a dar froito e por sorte os alcaldes e os concelleiros deste tempo teñen máis claras sensibilidades que os dos tolos anos vinte.