TRIBUNA | O |
09 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ÍA ESCOMENZAR pedindo desculpas ao alcalde por facerlle perder o seu valioso tempo con temas tan pouco importantes como o cambio dos nomes das rúas de Chantada. En cambio, vou recoñecer a miña ignorancia da historia. Mea culpa, por non pensar que Calvo Sotelo foi un presidente do Goberno de España. Confundilo co persoeiro que conspirou contra a segunda República, e que grazas ao seu pucheirazo en Ourense privou ao Partido Galeguista na figura de Alexandre Bóveda do seu escano, é un erro histórico. Mea culpa por esquecer que os irmáns Taboada son uns bos amigos meus ou por non saber que Franco e un xogador de fútbol. ¿Cómo ía saber o que representa unha ditadura se apenas a vivín, ou o que significou para algúns veciños nosos que sí a sufriron? Debe ter razón cando di que vostede pasa deles. É unha perda de tempo seguir tendo no olvido a moitos chantadinos como Xosé Costa Figueiras, Anxel Gómez Montero, Carlos X. Otero Díaz, Modesto Álvarez, Avelino Vázquez, Mariano Cedrón; a lugares con sona como a Fonte Arcada, a Lama das Quendas, o Campo da Feira Vello; tradicións musicais como a muiñeira de Chantada; á prensa local, El Regionalista , Juventud , El Centinela , La Voz del Agro , Faro-Miño . Non, é mellor non perder o tempo e lembrar a outros que o merecen máis. Ten razón ao afirmar que non temos nada mellor que facer que presentar no que levamos de lexislatura 40 mocións, perto de 80 rogos e máis de 50 preguntas. ¿Cantas foron aprobadas? ¿Cantas levou a termo a pesar dos acordos? ¿A cantas respostou correctamente, sen usar monosílabos, sen saírse pola tanxente ou pasando delas directamente?. Unha proposta, un debate, unha pregunta ou calquera iniciativa que se presenta no Concello, para o BNG, non é nin será no futuro unha perda de tempo. «Francamente», alcalde, ¿quen o perde máis?