TRIBUNA | O |
16 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A todos os responsables políticos se lles conceden cen días de graza antes de lanzarse ao seu pescozo. No caso de Núñez Feijoo vou ser eu quen o convirta en excepción e voulle dar un tirón de orellas, xa que a miña condición de veciño da reserva moral da dereita galega obrígame a iso. ¿Ata cando, señor Feijoo, teremos que gardar as nosas plumas ávidas os chantadinos para poder asinar no documento de solicitude do referendo sobre o Estatut (tamén chamado sinaturas contra Cataluña)? ¿A que espera para ubicar nas nosas excelentemente pavimentadas rúas as mesas petitorias que nos retrotraen a tempos máis felices? Díxosenos que Chantada estaba inmellorablemente representada na nova dirección do Partido Popular de Galicia e agora atopámonos con este desplante. Bastante humillación implica que o señor Cacharro, perdón, Suárez Canal, nos negue os cartos que se nos deben como para que agora veña vostede a ningunear o Corazón de Galicia. Non obstante, quero darlle marxe e pensar que vostede está a esperando a Semana Santa para que, coa axuda divina que merecemos, as sinaturas alcancen o nobre obxectivo que perseguen. Tamén aproveito a ocasión para saudar a todos os meus parentes e amigos que viven en Barcelona.