Entrevista | José Mouriño Cuba O experto considera que para revitalizar a economía das áreas de montaña é especialmente aconsellable potenciar a produción castañícola e de derivados porcinos
02 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.? responsable provincial do Servizo de Industrias e Promoción Agroalimentaria, José Mouriño Cuba, pronunciou o mércores no municipio do Courel dúas charlas informativas sobre as posibilidades de modernización da produción local de castaña. «Veu bastante xente e vin que hai moito interese neste asunto, así que creo que no Courel hai boas perspectivas de que se potencie este sector», señala. -A castaña pode ser un importante recurso para estas zonas a condición de producir ben e de ofertar un produto de calidade. Ten moita demanda e no mercado non hai saturación, como sucede con outros produtos. Para que se poñan estas cousas en marcha, é imprescindible que a xente se agrupe e que empece por formar pequenas sociedades ou cooperativas. Por outro lado, cabe a posibilidade de encadrar ao menos unha parte desta produción na agricultura ecolóxica, o que lle daría un valor engadido bastante notable. -¿Que liñas estratéxicas pensa que se deben seguir para potenciar e modernizar este sector? -Creo que sería interesante destinar unha parte da produción ao consumo en fresco, outra a diversas formas de comercialización e outra á alimentación porcina. Isto último hai que destacalo, porque penso a produción de derivados de porcino con características singulares é unha alternativa moi interesante para a montaña galega, agora que van aparecer diversas denominacións de orixe para este sector. Pero tampouco é cuestión de poñerse a cebar porcos con castañas por todas partes e de calquera xeito. Hai que planificar ben as cousas. -¿Que posibilidades hai de crear industrias locais de transformación? -Neste terreo é posible facer bastantes cousas, dentro dos límites que pode marcar a Lei do Solo á hora de crear industrias nestas zonas. Por exemplo, pódense crear instalacións artesanais ou familiares que elaboren produtos de repostería a base de castañas, cun maior ou menor grao de complexidade, como doces, madalenas ou tortas. Pequenas empresas deste tipo poden dinamizar bastante a economía destas localidades e sirven ademais para que se identifique doutra maneira a castaña local. Agora ben, esa pequena produción ten un límite cuantitativo e é conveniente ter tamén a capacidade de producir cantidades importantes de castaña para a industria. Neste aspecto, é importante facer estudos e investigacións para determinar cales son as castes ou variedades locais que poden ser máis interesantes para a industrialización. -¿Qué pode facer a Administración para potenciar estas actividades? -Hai moitas maneiras de axudar. Unha delas sería proporcionar axudas para crear pequenas instalacións industriais ou artesanais. E promover investigacións sobre cales poden ser as castes locais máis rendibles para a industria e máis fáciles de transformar. Pódese tamén axudar aos produtores a encontrar solucións técnicas que abaraten a colleita da castaña. Hoxe en día hai diferentes modelos de máquinas recolectoras que poden facilitar moito esta tarefa. -Hai quen opina que o declive demográfico e o envellecemento da poboación son serios obstáculos para recuperar os soutos. -Cando empezou a xestarse a denominación vinícola Ribeira Sacra tamén había quen se mostraba moi pesimista sobre o futuro da viticultura local, porque a poboación desas zonas está moi mermada e envellecida. O importante é que a xente se mentalice e sobre todo que actúe unida para abaratar tanto como sexa posible os custos de produción.