Indecisión en Chantada

ANDRÉS PAVÓN

LEMOS

TRIBUNA | O |

21 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

LEMBRARÁN as mulleres de máis idade as misas da súa infancia: «Como soy tan pequeñita y tengo tan poquita voz, yo sólo puedo decir: ¡Viva la Madre de Dios!». Iso dicimos os conservadores de Chantada ante a sucesión de Manuel Fraga. Descartado López Veiga por barbudo e mariñeiro, quédannos tres patas: Feijoo, Barreiro e Cuiña. Feijoo parece demasiado urbano e amosouse arisco nas súas visitas á vila do Asma. Ademais, non semella moi a gusto coa orquestra París de Noia logo dunha enchenta de polbo. Mal empeza... de momento descartámolo. Barreiro si que é asiduo de Chantada, ademais de ser compatriota provincial. Luce como ninguén a chaqueta de coiro e non fai alardes. Guapo non é, pero si resultón. Fáltalle dar máis «caña» a estes tolos de esquerdas que nos gobernan. Este pode valer. ¿Que dicir de Cuiña? O eterno delfín. El sempre entendeu a política coma nós: para gañar eleccións, carreteras e carreteiros. Din que pasou a súa hora e que está mal visto nas cidades, pero segue sendo un gladiador e conta coa sabedoría de Baltar. En fin, seguiremos analizando ás nosas eminencias, pero cun déficit informativo agora que a TVG subsistituíu, en tempo dedicado, a Ana Kiro por Ánxela Bugallo.