?a actualidade, Manuel Vidán Torreira segue tan convencido da súa teoría sobre a orixe do nome da Ribeira Sacra como cando a formulou por primeira vez, hai dezaoito anos. «Non teño ningunha dúbida de que a miña interpretación é correcta. Hoxe poido sinalar ademais algún outro indicio histórico que non mencionei daquela, como é o feito de que no escudo do mosteiro de Montederramo figura un carballo, o que indica que esa árbore tivo moita importancia nesa zona en tempos antigos», afirma. Na súa opinión, se o nome Rivoira Sacrata aludise realmente a unha ribeira fluvial e non a unha árbore, «referiríase en todo caso ao río Mao, que é o que pasa por Montederramo, e non ao Sil, que está a unha distancia considerable dese lugar», comenta. En canto ao uso moderno do topónimo Ribeira Sacra, Vidán cre que «é perfectamente lexítimo que unha denominación vinícola ou unha empresa usen un nome como ese, porque unha entidade ten dereito a escoller como quere chamarse, pero o que non se pode dicir é que ese nome procede da antiga actividade monástica das ribeiras do Sil, porque iso non responde á realidade histórica». Ao seu xuízo, a popularidade moderna deste nome débese sobre todo ao erudito ourensano Manuel Martínez Sueiro, que na década de 1910 publicou no Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Orense un artigo titulado La Ribera Sagrada , aplicando o topónimo á ribeira ourensá do Sil. «Martínez Sueiro quedou marabillado por esas palabras que escribira Antonio Yepes, lembrouse dos antigos mosteiros do Nilo, da Tebaida, e pensou que estaba moi ben chamar así a esa zona fluvial onde houbera tantos mosteiros. Era unha especie de desexo poético», di. Natural de Santiago, Manuel Vidán, de 81 anos, vive actualmente na Coruña. Provisto dunha profunda formación en filoloxía, historia, teoloxía e outras materias, exerceu profesionalmente como catedrático de latín -no bacharelato- e desenvolveu un extenso labor cultural. Colaborou na tradución ao galego da Biblia, traducíu tamén textos de Platón e publicou numerosos traballos académicos e de investigación, especialmente sobre a historia da lingua galega. Moitos destes traballos apareceron en forma de colaboración xornalísticas en La Voz de Galicia, nunhas seccións tituladas A nosa fala e Verbalia . Goza dun sólido prestixio no mundo da filoloxía galega e continúa investigando sobre diversas cuestións. Actualmente está a preparar a publicación dun estudo sobre as inscricións dunha ara romana, que aparecerá na recén fundada revista histórica Nalgures .