? interpretación de Vidán Torreira sobre as orixes do topónimo da Ribeira Sacra abre unha curiosa perspectiva sobre a historia antiga da zona. En opinión do filólogo, a denominación Rivoira Sacrata aludíu orixinalmente a un rebolo, -árbore da familia do carballo- que se distinguía por algún sinal especial e que o acabou dando nome á zona onde se levantou o mosteiro de Montederramo. Vidán opina que aquela árbore se lle outorgou un carácter «sagrado» debido a que nas súas ramas crecía a planta parásita coñecida en galego como visco (muérdago en castelán). A esta especie atribuíanselle na antigüidade numerosas virtudes curativas e máxicas, e por este motivo ocupou un importante lugar nas crenzas relixiosas de moitos pobos europeos. É moi coñecido o valor que lle daban a esta planta os druídas da Galia, segundo contan os historiadores romanos. O filólogo cre que o nome de Montederramo tamén naceu desta planta. Na súa análise do topónimo, Vidán chegou á conclusión de que alude ao visco, chamado polos romanos «ramus aureus» ou ramo dourado. De acordo con estas interpretacións, a zona onde se orixinou o nome da Ribeira Sacra xa tiña certo carácter sagrado antes da propagación do cristianismo.