O medio rural foi esquecido

La Voz

LEMOS

O 1 novembro de 1921 inaugurouse a central de San Xoán de Muro, e iso permitiu que a vila e algúns lugares dos arredores tivesen forza suficiente, ao tempo que Gayoso Sánchez, reforzado na xestión da empresa co seu fillo e perito industrial Xosé Gayoso, alzara unha liña de alta que por Barreiros ía ata Marzán, e que anos adiante continuará ata a Ermida de Nespereira. Martínez Hermanos, para sobrevivir, adquiriu a presa de Valdriz, tratando de dar luz a Sarria e A Pobra. Era unha guerra perdida, porque a Hidroeléctrica Sarriana, que empezara cunha perda de 1.8000 pesetas en 1921, recuperouse axiña e en 1922 gañou 11.900, alcanzando xa en 1927 un gaño de 29.620. En 1928 Hidroeléctrica Sarriana tiña un total de 461 abonados, maiormente na vila de sarria. Daba tamén servizo en San Martiño (3 casas), Treilán (17), Vilasante (3), Vigo (5), Mendrós (4), Vilar de Sarria (4), San Alberte (1), Estrada de Corvelle (5), Vilarrairo (12) e Ariz (2). O medio rural, agás o servizo na zona da Veiga de Sarria a conta de Eléctrica do reza, en Céltigos, quedou na máis total das orfandades e ata 1958 non se empeza a dar subministro a algunhas parroquias. Hidroeléctrica Sarriana acabou sendo adquirida pola Compañía Xeral Eléctrica Galega, antecedente de Fenosa, o que permitiu superar, en parte, as carencias derivadas da insuficiencia da potencia da central de San Xoán de Muro, quehai agora poucos anos foi recuperada como minicentral por unha empresa de Sarria. Xa van 90 anos da chegada da electricidade a Sarria. A electrificación entre 1958 e 1965 das parroquias rurais foi cativo contacto co progreso. Os esforzos dalgúns pioneiros non abondaron para botar a andar esta tolleita comunidade. Pena de malos políticos.