Castilla y León
La participación en las elecciones a las 14 horas sube dos puntos hasta el 36,9 %

Enerfín terminou a construción do complexo eólico do Faro-Farelo

La Voz LA VOZ | CHANTADA

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

29 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

? sociedade Enerfín-Enervento finalizou a construción do complexo de enerxía eólica Faro-Farelo, formado por catro parques que entregarán a súa produción enerxética na subestación de Chantada. Para realizar esta obra, que afectou a terreos repartidos nos municipios de Chantada, Carballedo, Antas de Ulla e Agolada, foi preciso investir un total de 132 millóns de euros. Tres destas seccións xa están actualmente en funcionamento e a cuarta -a do parque de Farelo- poñerase en servizo dentro de poucos días, segundo os responsables do proxecto. Segundo explican os representantes de Enerfín-Enervento, a produción anual estimada para o complexo, de 370 xigavatios hora/ano, equivale ao 50% do consumo eléctrico de toda a provincia de Ourense. A empresa sinala por outra parte que as obras realizadas en infraestruturas de transporte de enerxía superan os seis millóns de euros e que suporán unha mellora considerable na canalización de enerxía eléctrica nas comarcas de Chantada e do Deza. O novo complexo dispón dun centro de control ubicado no monte Faro. As obras realizadas pola sociedade promotora, ademais das instalacións enerxéticas, comprenderon tamén a construción dun posto de vixilancia de incendios -que será posto á disposición da Dirección Xeral de Montes- e de catro miradoiros paisaxísticos situados en no propio centro de control, no municipio Carballedo, no Val do Camba e no monte Farelo. A sociedade construtora do complexo, por outro lado, sinala que para realizar o proxecto «alcanzou acordos amistosos co 99% dos propietarios afectados» e que «algo máis do 75% dos bens e servizos que se precisaron para culminar a obra foron contratados á empresa local». Os aeroxeneradores instalados nos catro parques foron fabricados pola compañía Ecotécnia nunha planta industrial ubicada en Somozas, na comarca de Ferrolterra. O complexo, segundo puntualizan os responsables do proxecto, será xestionado por Enervento, sociedade creada no pasado mes de febreiro mercé a un acordo entre Enerfín, Caixanova e o Banco Gallego. Estas compañías iniciarán esta semana a construción dun complexo eólico no Brasil, considerado o maior de América Latina.