Traxedias case descoñecidas

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Recuperación da memoria histórica Os arquivos locais conservan mencións de nativos do municipio que viviron e morreron noutras terras, onde foron vítimas dos grandes conflitos do século XX

06 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Por ser durante moitos séculos lugar de paso, ás veces encóntranse referencias a persoas que naceron en Sarria e das que ningún rastro quedou. Coa consolidación da vila como cabeceira de partido no século XIX e cabeza da comarca, van ser moitos os que cheguen a Sarria por motivos de traballo e se vaian axiña, sen outro vencellamento que o nacemento de fillos que medraron e fixeron vida noutros lugares e somente quedou lembranza deles nos libros do Rexistro Civil e nos de batizados das parroquias. Recentemente un amigo achegou documentación na que se falaba dun deputado socialista pola provincia de Pontevedra, Antonio Bilbatúa Zubeldía, que aparecía citado como natural de Sarria (Lugo), e que foi un máis dos electos por votación popular que foron obxecto de persecución, encausamento e morte no tráxico marasmo do alzamento en armas contra o goberno republicano no ano 1936. Como ningunha referencia había, fóra desa simple nota, despois dunha consulta no Rexistro Civil, pódese confirmar que Antonio Desiderio Bilbatúa Zubeldía (na acta aparece como Antonino, non como Antonio), naceu en Sarria o 23 de maio de 1894. Era fillo de Tomás Bilbatúa Uriendo, natural de Durango, de oficio contratista, e de Lucía Zubeldía Oraz, de Plasencia-Vizcaia. O que o seu pai fose contratista estaría relacionado coas obras de mantemento do ferrocarril ou de construción da estrada de Samos ou da de Corvelle, pois ningunha outra obra pública aparece facéndose por ese tempo, a menos que contratase edificacións, o que é menos probable, polo baixo nivel de construción que na vila había. Pouco tempo permanecería a familia en Sarria, e canto polo de agora e aquí se coñece sobre este personaxe é que en 1936 era o xefe da oficina de Telégrafos de Vigo e que foi elixido deputado polo Partido Socialista nas eleccións de 1936, pola circunscripción de Pontevedra. Poucos meses despois da xornada electoral sería unha vítima máis a engadir á lista dos que pagaron coa vida a súa fidelidade aos ideais democráticos. Era sarriao de nacemento e hai que engadir o seu nome aos paseados e sometidos a precipitados consellos de guerra exemplarizantes , xa coñecidos. Tamén un sarriao, Xesús Arias López, fillo de Miguel Arias López e de Capitolina López González, aparece documentado como falecido no campo de exterminio de Mathausen. Nacera en Belante o 19 de xaneiro de 1910, e sería interesante tratar de reconstruír a súa peripecia vital, porque é de supoñer que seguiría o camiño de tantos exiliados republicanos aos que o nacionalsocialismo alemán levou á morte ignominiosa. Dous sarriaos, e parello inxusto remate para as súas vidas.