O patrimonio da Casa Grande

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | A familia Saavedra mercou a Casa do Bosque Este vello señorío rematou con dona Ascensión González Neira, quen puxo en venda tódalas propiedades. Na actualidade, o couto está en mans de varios propietarios

25 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Anexo ó patrimonio da Casa Grande de Sarria foi o señorío da Casa do Bosque do Morelle, na parroquia de San Salvador de Vilar de Sarria. Don Xoán Saavedra Figueroa, fillo de don Pedro Saavedra, comprou en 1667 dúas fincas no Agro de Moreiras, incorporándoas á mellora vincular xunto co Prado Novo, as Cortiñas e as herdades do Morelle. Testou don Xoán a favor do seu fillo don Francisco Antonio Saavedra Figueroa, quen en 1708 mellorou á súa filla dona Xoana Francisca Saavedra, casada con don Bartolomé Somoza (de Laiosa) cos bens da Casa Grande de Sarria e máis da Casa do Bosque. No Catastro de 1753 o fillo dese matrimonio, don Lucas Somoza Saavedra Losada inclúe as Moreiras, Casa do Bosque con varias partidas, nas parroquias de Vilar de Sarria e San Mamede do Camiño. Don Lucas fixo provisión de fidalguía e adicou especial atención ao seu patrimonio sarriao. Don Xosé Gabriel Somoza, fillo do anterior, en 1805 obtivo unha executoria contra varios debedores, entre eles Francisco Vázquez, que levaba en arrendo unha cuarta parte do Bosque por oito fanegas de centeo e a obriga de coidar o resto do Bosque. En 1828 deulle en arrendamento a Manuel Guitián, criado seu, o Bosque do Morelle. Por testamento do ano 1827 nomeou vinculeiro a don Benito María Somoza Saavedra, quen en 1879 fixo un expediente posesorio da finca do Bosque do Morelle, en tres porcións: Bosque Grande, Monte Franco ou da Poqueira, e das Cardosas, amillarando tamén, en 1854, unha Casa en Vilar de Sarria, á que se referían uns autos posesorios do maorazgo. Morto don Benito sen descendencia, son os seus sucesores a súa irmá, o sobriño don Xosé Gabriel González Somoza na metade reservable vincular, e tamén dona Mariana, dona Elena e dona Manuela Allo Somoza e don Salustio Víctor Alvarado Somoza. Feitas as partillas a Casa do Bosque foi adxudicada a don Xosé Gabriel Somoza, a Casa do Bosque coas súas tres porcións de antigo, comprendidos os 16 ferrados que por arrendo pagaba Manuel Guitián. O bosque do Morelle En 1897, en nova partilla, dona Ascensión González Neira recibe o Bosque do Morelle, dividido en catro porcións, chamadas Grande, Pequeno, Cardoxas e Cortiña Vella e da Aira, cunha Casa e ademais o Prado do Morelle e os dous labrantíos de Moreiras. A Casa, a Cortiña Vella, a Cortiña da Aira, o Prado do Morelle e os dous labrantíos de Moreiras foran arrendados en 1828 a Manuel Xosé Guitián Maseda, que pagaba catro fanegas de centeo por agosto ou setembro, tendo que vixiar as leñas, polo disfrute da Casa e as Cortiñas. Foi sucedido por Manuel Guitián, casado con Javiera López Díaz. En 1902 dona Ascensión González Neira reclamou sobre o recoñecemento de propiedade e finalización de arrendamento a Xabiera López Díaz e aos seus fillos Manuel, Xosé, Xoán Ricardo, Mª Dolores e Mª Manuela Guitián López, que se opuxeron alegando que non había arrendamento senón que só estaban na obriga de pagar por foro correspondéndolles o dominio útil. En 1906 o Xuiz Municipal de Sarria, don Eliseo Buján Vázquez sentenciou que non había lugar ao «desahucio», mentres que o xuíz de 1ª Instancia de Lugo don Manuel Alonso López, en 1907, revocou a sentencia dándolle razón á señora González Neira, quen por sentencia do Tribunal Supremo obtivo no 1908 confirmación do fallo, quedando así por dona e señora, e sen discusión posible, da Casa do Bosque e da fincabilidade do Morelle, tendo que saír dos bens os ditos arrendatarios. Beneficio de pobreza Disfrutaron no pleito os irmáns Guitián do beneficio de pobreza, e como non deron probado que lles correspondese dominio sobre as fincas tiveron que abandoalas. Anos máis adiante dona Ascensión González Neira, que tamén vendeu todas as propiedades da Casa Grande na vila de Sarria, puxo en venda a Casa do Bosque, rematando ela o vello Señorío. Na actualidade, o vello couto, esnaquizado en parcelas, está en mans de diversos posuidores, seguindo a mesma traxectoria que a maioría dos bens de fidalgos, dando cumprimento ao vello dito: «Os bens dos señores van a mans de labradores». A Casa do Bosque do Morelle xa só é vaga lembranza, e as terras e casas do Castro dos Petos veñen a ser os sucesores dun patrimonio vincular indiviso durante catro séculos. A pegada dos Saavedra nin xiquer deixou alí lembranza.