NO OUTEIRO | O |
20 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.SE PODE non deixe de dar unha volta pola Feira do Libro Antigo. Vaia na procura alí por entre o arrecendo e cor das follas vellas. Non importa isto, porque o que interesa aquí non é o aspecto inmaculado que deben ter as edicións acabadas de saír do prelo, senón precisamente hase valorar esa mácula do vello, do antigo, do pasado por anos alí onde se agrupan as pegadas dactilares dos lectores. Todos coas súas teimas, coa súa propia interpretación do realmente querido polo autor ou autora do libro. Falando do libro antigo, veume á cabeza a pequena biblioteca que deixou á súa morte un exiliado en Francia xa que non quixo ir á guerra que se libraba en África. El si puido volver a Galicia e eu tiven a sorte de que me deixara ler: Dez días que estremeceron o mundo , de John Reed; Bos días, tristura , de Françoise Sagan; O capital , de Marx; Cromwell , Hernani e O rei divírtese de Víctor Hugo; Resurreción , de Leon Tolstoi; A doncela , de Voltaire, etc. Non cabe dúbida que o relevante é canto se describe nesas e outras grandes obras, impresas hai tempo. Pero non só. Pasar cada unha desas páxinas amarelentas é facelo da man de quen mas transmitiu a min.