Crónica | Crecemento empresarial en Sarria Os empresarios sarriaos están acostumados a loitar con todo tipo de dificultades, pero sempre as venceron para sacar adiante os seus negocios
18 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.As cousas non son froito da casualidade. Se a actividade comercial e industrial da vila de Sarria en 1750 se reducía a existencia dun tallo, un muíño, unha alabacería e unha fábrica de velas de sebo, e hoxe presenta un certo nivel de industrialización, foi porque as luces que tanto tempo lle foran negadas a esta terra fixeron posible o labor de homes emprendedores que botaron a semente da que agora se andan a recoller os froitos. Coa chegada do ferrocarril en 1882 e o establecemento en Sarria de xentes procedentes de outras terras (Teruel, Castrogonzalo, Shangay, Bayona de Francia) instaláronse as primeiras industrias de curtidos, ebanisterías e os almacéns de importación-exportación. Apelidos importantes Aos apelidos Zaera, Somoza, Sarry, González, Torres uniranse moi axiña os autóctonos Sánchez e Gayoso , que traerán a modernidade a unha vila ancorada nun pasado pouco florecente. A influencia do exemplo de Matías López e do seu sobriño Venancio Vázquez , industriais chocolateiros en Madrid é de supoñer que resultaría beneficiosa como exemplo a seguir. Xa a finais do século XIX e primeiras décadas do XX os Fernández de Barreiros (Ortoá), Clemente, Xosé e Antón, Pedro Rodríguez e os Páramos centrados na merca e a saca do gando masivas con destino a Madrid sentarán a base de patrimonios ben fundamentados e que andando o tempo terán tamén a comarca como centro de iniciativas empresariais. A electricidade (1915) chega de mans de Xosé Antonio Gayoso , os electricistas do Toleiro, os Quiroga Ballesteros, os Abad , abrindo a posibilidade de maior producción. Víctor Castro instala unha fábrica de chocolates na rúa Maior. Néstor González, Cabarcos, Barreal, Balboa, Venancio López, serán firmas comerciais que na industria galleteira e na do moble levarán con orgullo o nome de Sarria en outros ámbitos comerciais, de xeito que o feito en Sarria fala de calidade. Industrias A industria feculera, a factoría de cementos de Oural, a embotelladora de augas de Céltigos, o elevado número de obradoiros e fábricas de mobles, as industrias cárnicas, a restauración de mobles, os derivados do cemento, as canteiras, a fabricación de piensos, conforman hoxe unha rede productiva que fai de sarria un interesante polo de desenvolvemento, con clara e beneficiosa influencia sobre a comarca. As siglas das sociedades anónimas e limitadas mal poden ocultar a labor emprendedora dos González-Zaera, Kapler, Díaz Valcárcel, Reboiro, López, Rodríguez, Viñas, Vilela, Páez, García , que non fan senón seguir os pasos de aqueles homes que nas últimas décadas di século XIX abriron novos camiños para unha comarca que é hoxe quen de manter un crecemento sostido, apoiado no aproveitamento dos propios recursos.