Crónica | Orixes da hostalería en Sarria Antes da chegada dos modernos hoteis e casa de turismo rural, no Concello xa había moitos outros lugares preparados para a acollida de viaxeiros.
21 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Moito antes da instalación dos modernos hoteis e casas de turismo rural houbo moitos outros lugares para a acollida de viaxeiros, que responderon ao nome de albergarías, pousadas, mesóns ou hospitais, quedando memoria na toponimia de mesóns en Maside, Meixente, Vilapedre, Padriñán, O Mazadoiro ou os Alvaredos. Na vila de Sarria, coa apertura da estrada de Valdeorras (1855) aparecen as primeiras fondas, quedando lembranza como paradigma a Casa Alfonsín, na rúa da Liberdade, seguida de outras novas cando chega o ferrocarril en 1880. E Céltigos, por mor das augas das Caldas, tamén será lugar onde abran as portas varias casas de hóspedes, fondas e un balneario. Os anuncios propagandísticos axudan a seguir a evolución da hostalería sarriá. No ano 1906 aparece publicidade da casa para viaxeiros de Enrique Prado. A máis acreditada da localidade, Estrada de San Lázaro, perto da estación de ferrocarril. Casa de hóspedes de Francisco López e López, no balneario de Céltigos a 4 kilómetros de Sarria. Xa en 1917 o léxico modernízase: Hotel Comercio Café, grande casa para viaxeiros, excelente trato, cuartos todos ao exterior e luz eléctrica, servizo permanente de coches, sírvense merendas, Francisco González. Hotel La Burgalesa de Manuel Vázquez, a cen metros da estación, servizo de mozos e coches, luz eléctrica en todos os cuartos, excelente trato. Grande casa de hospedes, viños e comidas de Xosé Díaz Rodríguez, estrada da estación. Hotel Roma, grande casa para viaxeiros de Enrique Prado, estrada da estación número 10, a 100 metros da mesma, espaciosos cuartos con luz e timbres eléctricos, prezos moi económicos. Os do clube Celita, que alí facían xuntanza chamábanlle A palleira de Prado. En 1931 anúnciase o Hotel Burgalesa, edificio de nova construcción, cuarto de baño, calefacción, timbres en tódolos cuartos, garaxe e turismo de aluguer, teléfono 40. En 1932 aparecen El Centro, gran café bar e fonda de Amadeo López Sánchez (Vilasante), viños e licores das mellores marcas, servizo esmerado, cruce da Ciguñeira. Hotel Roma, propietarios viuva e fillos de E. Prado, calefacción central, auga corrente e fría en tódolos cuartos, cuartos todos exteriores con vistas a espléndidos panoramas, o máis próximo a estación, teléfono 50. La Rivereña, hospedaxes e casa de comidas, viños e licores das mellores marcas, Avelina Valcárcel, cruce Ciguñeira. Manuel Torrón, hospedaxes e casas de comida, ultramarinos e comestibles, teléfono 21, Avenida da República. Hotel Burgalesa, con todo o confort moderno, Manuel Vázquez Rodríguez. Viuva de Malla, hospedaxes, viños e comidas, café e licores, cervexa e vermú, sidra etc, estrada de San Lázaro. Alfredo López, hospedaxes, viños e comidas, café e licores das mellores marcas, Avenida da República. De 1935 é o anuncio de David Portela, hospedaxe, licores e café. Son só unha mostra dun tempo de viaxantes, auguistas, xubilados a pensión completa ou emigrantes de paso, tempo no que se sentaron as bases para o actual pulo hostaleiro, e á relación anterior poderíanse unir outros nomes como o da fonda de Vera, o Hotel Novo, a fonda Lourido, a Pega, Andión, Paradela, O Cura, o Litmar. Algúns destes establecementos, especializados en bons xantares, acolleron convites de signo político, e gozaron de moita sona. Son por suposto, moitos máis os establecementos que nos últimos 125 anos acolleron visitantes e xentes de paso, en mellores ou peores condicións, gañando década a década en conforto e servizo mais sempre baixo a tradicional boa acollida propia dunha vila aberta como foi e segue a ser Sarria. Aqueles vellos establecementos, xurdidos arredor das estradas e do ferrocarril, coa recuperación do feito das peregrinacións a Compostela e os novos ventos turísticos, deron paso á desaparición das casas de hóspedes para dar paso a modernos hoteis na vila, a un hotel con encanto, casas de turismo rural e albergues para peregrinos, reunindo así unha capacidade de acollida que multiplica por dez a dos primeiros tempos. Sarria na actualidade, xunto cos centros hostaleiros, presenta un alto número de cafeterías, bares, pubs, que constitúen un sector dinámico e en expansión. O brinco, desde as históricas pousadas, tabernas e mesóns, é ben significativo. A tradición do xesto de acollida esixe manter a calidade. E aínda compren algunha liñas máis para falarmos deste sector.