O porto seco, ¿seco?

CARLOS VÁZQUEZ

LEMOS

TRIBUNA | O |

05 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O Porto Seco de Monforte semella máis seco do que se quixera para darlle vida ao sur da provincia. Alomenos iso é o que dá a entender o alcalde dos monfortinos. Severino Rodríguez ten queixa do que se prevé van a ser os accesos entre ese centro e a N-120 e tamén a futura vía de alta capacidade -segundo parece mal chamada autovía- que unirá Nadela con Sarria e Monforte. Non está só nas queixas, tamén amosou a súa preocupación o presidente da delegación da CEL na zona, deixando ver que efectivamente os accesos previstos son ben mellorables. A Xunta, en cambio, semella seguir apostando por enlazar o centro de almacenamento e distribución de mercadorías a través dunha glorieta ao leste. Ben, se é así, só agardo, por ben de todos, que esa non resulte igual de labiríntica cas glorietas que nos permiten saír da autovía A-6 para acceder, finalmente, á cidade de Lugo. ¡Puidéronse lucir! En Monforte aínda se está a tempo de non cometer os mesmos erros. De calquera xeito, un polígono industrial ou un centro coma o que se prevé para a Terra de Lemos non terá o futuro garantido se antes non conta cuns bos accesos e unha boa rede de comunicación.