Reportaxe | Exhibición pública do patrimonio en Monforte A Consellería de Cultura está disposta a axudar a ampliar as instalacións museísticas do convento de Santa Clara, pero por agora prefire non precisar datas nin cantidades
14 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.? Consellería de Cultura está disposta a axudar a ampliar o Museo de Arte de Sacra de Monforte a fin de que poidan mostrarse ao público os antigos libros e pinturas que acaban de ser achados no convento de Santa Clara. Non obstante, o delegado provincial deste departamento, Antonio Calvo, prefire non facer polo momento ningunha precisión no que se refire a cantidades ou a datas. «Esta consellería vén cooperando coas clarisas de Monforte desde hai moito tempo e seguirá a facelo no futuro, pero hai que ter tamén en conta que temos outras frentes abertas e unha disponibilidade económica limitada», puntualiza. Calvo precisa ademais que a Xunta aínda non recibiu unha petición concreta neste sentido por parte da comunidade relixiosa. «O primeiro paso que habería que dar é presentar un proxecto, ou polo menos un esbozo, do que se pretende facer para ampliar as instalacións do museo. Así poderemos ter unha base para que os técnicos fagan unha estimación aproximada dos custos e logo xa se estudaría un posible apoio económico para realizar o proxecto », explica. Asimismo, indica que a decisión final a este respecto deberá ser tomada polos órganos centrais da consellería. «A nosa delegación limítase a transmitir as peticións que recibe, pero nós non podemos decidir», di. O delegado sinala que a posibilidade de ampliar o museo monfortino xa estaba a ser barallada desde había tempo, moito antes de que se producisen os recentes achados no conventos pero apunta que a consellería tamén ten que atender a outros proxectos análogos en diferentes puntos da provincia. «Agora mesmo estamos colaborando en proxectos de conservación doutros conventos en lugares como Mondoñedo e Viveiro e temos que facer frente ás nosas limitacións, pero dentro das nosas posiblidades estaremos sempre dispostos a axudar para que institucións como esta poidan exhibir o seu patrimonio histórico», afirma. Por outro lado, Antonio Calvo considera moi positiva a intención do Concello de Monforte de asumir os gastos da mellora dos accesos ao Museo de Arte Sacra, anunciada a pasada fin de semana pola concelleira María Xosé Vega. «Paréceme moi ben que o concello tome esa decisión. Nós estamos dispostos a seguir prestando axuda para que o museo monfortino sexa ampliado, pero tamén se pode dicir que esas axudas nunca son suficientes», comenta.