Preguntas sobre o xeriátrico

ANTONIO FALCÓN

LEMOS

A TRIBUNA | O |

04 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

¿POR que no caso da construción do xeriátrico o alcalde de Monforte non explica cal é o fondo do problema? ¿É o transfondo político que leva consigo? Non se trata de habilitar xeriátricos, residencias ou inmobles, senón de actuar nos espazos públicos e de xestionar ben o solo. E ese é o caso do solar do barrio do Morín, lugar ideal, segundo os nosos gobernantes, para facer alí o xeriátrico. Cómo se pode aceptar que unha empresa, ou unha fundación privada, se faga propietaria dun solar que é municipal, para despois xestionalo e explotalo coa fin de obter os máximos beneficios ao longo dos anos, con prezos prohibitivos para a maioría dos xubilados e maiores de Monforte. Hoxe en día, o goberno municipal está disposto a isto, e cando estaban na oposición, despotricaban contra a concesión do servizo de augas e saneamentos a unha empresa privada, Aqualia neste caso. A súa idiosincrasia e pretensión céganlle os ollos á realidade. Ao mesmo tempo, pedímoslle ao alcalde explicacións sobre o 0,7% do presuposto do total do ano que ven de rematar, ou sexa, explicacións sobre dez millóns e medio das antigas pesetas. Este diñeiro está destinado para axudas a xente recensada, ás asociacións rexistradas no concello e, sobre todo, a axudar aos veciños máis necesitados, que algúns deles están inscritos no concello como familias sen os suficientes medios económicos para poder vivir dignamente e comer todos os días. O alcalde ten que dicir a cantas destas familias se axudaron e se se distribuíron ou non os dez millóns e medio de pesetas para tal fin ao longo do ano pasado. E se non foi así qué cantidade se destinou a esas axudas, da mesma maneira que se fai público o custo dunha beirarrúa. Simplemente, porque é diñeiro público, de todos os veciños de Monforte.