A TRIBUNA | O |
25 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O Partido Popular de Galicia, que durante oito anos de «aznarato» tanto reivindicou en Madrid e tan rebelde se amosou, volve dar un paso adiante para defender a nosa terra. Por iniciativa de Corina Porro, que cando foi conselleira da Xunta era coñecida como «o azoute de Álvarez Cascos», convocou aos alcaldes das principais cidades galegas para esixir o cumprimento íntegro do Plan Galicia. Os alcaldes socialistas non acudiron; xa se sabe: «Onde hai patrón..». Menos mal que o PP xa deixara cáseque rematado o plan, como así o testemuñan as moreas de pancartas que cubren o chan da terra de Breogán. Podemos, pois, estar tranquilos. Núñez Feijoo e Fraga están dispostos a ser os novos Che Guevara e Fidel Castro para que haxa un AVE Pincelo-A Cova e un aeroporto en Vilaúxe... iso de momento. Outra boa nova é que o BNG, despois de dous anos vivindo no engano, por fin abriu os ollos. Se durante todo este tempo cualificou ao Plan Galicia de «propaganda do Partido Popular», agora espertou e reclama con uñas e dentes o que o noso país merece. Claro que si. Xa está ben de estar financiando toda a vida a Madrid e a Bruxelas. Que sexamos nós, por unha vez, os que recibamos os cartos e non os que os poñamos do noso peto. Animo ao PP e ao BNG e marchemos a defender Galicia ao son de Xoán Pardo, Xuntos, máis fortes. Xa haberá algún malpensado que diga que todo se trata de fortelecer a Fraga e a Quintana... Pura envexa.