Crónica | A Ponte de Vilar de Sarria ou Ponte vella O monumento precisa que canto antes se lle fagan os arranxos necesarios para restauralo como merece unha obra dun grande valor artístico
04 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.A Ponte de Vilar de Sarria, máis coñecida como a Ponte Vella, era unha das catro pontes cuia titularidade e conservación pertencía á xustiza e rexemento da vila e Marquesado de Sarria: Ponte Ribeira e Ponte Vella no río Sarria e Ponte da Áspera e Ponte do Mazadoiro no río Celeiro, na Idade Media río Barbadelo. O río Sarria era vadeable no Toleiro e no Porto da Veiga evitando moitos o ter que pagar o dereito de pontaxe que había de ser satisfeito polo paso de persoas, arreses, cabalerías e carros por calquera das catro pontes. De orixe medieval, aínda que a existencia dunha vila romana nas inmediacións poidese apontar a existencia doutra anterior romana a ela -ou noutro caso a Ponte Ribeira, non é doado precisalo- refírese a seguinte cita de 1133 relativa a bens da igrexa de Lugo. « In territorio sarriae, iuxta illum pontem, villam ab integro, cum adjuntionibus el familias et villam de vigo ab integro, cum familia, et caritel quam dedit suarius muniz ». Dada a denominación de Ponte Vella, parece evidente que se trata de diferenciala da Ponte Ribeira que sería posterior. Situada perto do campo e a ermida de Santo Alberte, e non lonxe da igrexa de San Salvador de Vilar de Sarria, foi un importante lugar de confluencia de camiños. O que desde Sarria xiraba a Carracedo e Aranza -camiño de Carracedo ou de Aranza, hoxe rúa Diego Pazos, por onde pasaban os correos que desde a ponte de Carracedo ian a Ourense por Monforte- ata ben entrado o século XIX. O que xiraba pola ponte do Mazadoiro en dirección a Arxemil e Lugo pola Venda da Cobeluda. Posiblemente unha das vías primeiras cara Compostela por Maside e Meixente en dirección a Portomarín. O camiño de Sarria á feira da Esfarrapa, por Ferreiros, que se unía na feira ao camiño Francés de Lamas de Biduedo por Galegos a Lugo. En parte debeu coincidir coa verea ou antiga romana documentada perto de San Antoniño. O camiño Francés secundario , posiblemente o único antes de ser creada Vilanova de Sarria, que desde San Pedro do Camiño conducía a Santo Alberte ou con outro traxecto desde o Pividal (lagoa perigosa que se tiña que salvar por unha calzada e peares) ou Cimo da Agra a Ponte. Ata o século XIX a ponte soportou diversos arranxos e acondicionamentos, sendo o máis destacado o realizado no século XVIII, no que interviu Alonso de Casal como proxectista e Diego de Castro e Matías de Fontela como contratistas. Para a súa mellor conservación prohibíase expresamente polo reximento da vila que os carros e cabalerías pasasen por riba, debendo facelo polo vao e entrada de carros o río, excepto claro está cando as grandes cheas invernaias impedían vadealo, e só entón pasaban por riba os carros. Para atender os gastos de reparación utilizábase, entre outros, os beneficios producidos pola casa-taberna propiedade do común dos veciños da parroquia de Vilar de Sarria, existente a carón da ponte. Como elemento etnográfico importante temos que sinalar o peto de ánimas instalado na segunda metade do século XIX, que ao construiren a nova ponte do Caneiro foi mudado de lugar. Xa no século XVI chamábaselle a Pone Vella, segundo resulta do inventario de bens da igrexa de Santa Mariña de Sarria, datado en 25 de novembro onde se le: « Item la leira sobre el Porto da veiga que es de la Cancela e ba entre los camiños que vai para la Ponte Vella e para el río. Un leiro debaxo da Ponte vella en la testada da leira de Portomarín que labra Aldara Fernández. Un leiro que fere en el camiño que va da Ponte Vella para San Lázaro e jaz en braço entre heredades de Celeiro ». Porque constitúe un dos máis significativos monumentos sarriaos, e recentemente de xeito teimudo maltratado, agarda un mínimo de atención e haberá que seguir falando desta ponte de orixe medieval, refeita no XIX e alterada e magoada nos séculos XIX e XX. Mentres estivo baixo o coidado da xustiza e do rexemento de Sarria foi agarimosamente obxecto de todas as atencións. Incautada polo Estado no século XIX, as actuacións feitas desde entón con tódalas benzóns oficiais, foron outras tantas agresións que a máis mínima sensibilidade esixe sexan obxecto de urxente reparación. ¿Servirá para algo útil o célebre un por cento cultural? Eis onde agora a xefatura de estradas ten un doente que presicsa axuda. O un por cento pode ter destinatario.